Últimos días para visitar a mostra ‘A memoria do deserto’ de Saleta Rosón
Dende hai dous meses, a fotógrafa Saleta Rosón comparte cos visitantes do Salón Artesonado do Colexio de Fonseca as súas imaxes das cidades abandonadas Kolmanskop e Al Madam. Aberta de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas, a exposición 'A memoria do deserto' pechará as súas portas este sábado 30.
Kolmanskop foi unha cidade colonial construída por empresas alemás en 1908 no deserto do Namib (Namibia) para aloxar os traballadores das minas de diamantes e Al Madam foi unha urbe levantada entre os anos 1970 e 1980 no interior do Emirato de Sharjah (Emiratos Árabes Unidos), a só 60 quilómetros da cidade de Dubai.
"Saleta Rosón crea un vínculo entre ela, o obxectivo da súa cámara e a natureza que retrata. Realízao con gran manexo da técnica, pero sobre todo cunha mirada respectuosa e fiel ao que a natureza volveu construír. A beleza que atrapa no seu obxectivo é real, aínda que retrata paisaxes que poden parecer surrealistas, a través de orixinais perspectivas e superposicións de diferentes planos", explica o comisario da mostra, Antonio Cervera.
As dúas cidades arredor das cales xira a mostra foron creadas no deserto, ocupando a natureza, "intervindo o seu ciclo vital e cambiando o destino das dunas, areas ou sedimentos que durante séculos sustentaron ese ecosistema", subliña Cervera. Nas sucesivas décadas os habitantes das cidades convertéronse nun invasor deses lugares desérticos, e cando non os necesitaron máis e os abandonaron, a natureza comezou a súa particular reconquista: "a area busca un novo hábitat onde repousar, un espazo onde ir construíndo unha nova paisaxe", en palabras do comisario da mostra, quen sinala que a area aproveita "cada pedra para apoiarse, cada greta para introducirse e ir creando novas formas nesas cidades abandonadas.