Ir o contido principal

Unha unidade colaborativa entre Innopharma e ABAC Therapeutics loitará contra as bacterias resistentes a antibióticos

As bacterias vólvense resistentes debido á súa capacidade de mutar e adaptarse en resposta a condicións adversas, entre outras causas, ao uso indiscriminado de antibióticos, permitindo que algunhas poidan escapar ao seu efecto. FOTO: Santi Alvite
As bacterias vólvense resistentes debido á súa capacidade de mutar e adaptarse en resposta a condicións adversas, entre outras causas, ao uso indiscriminado de antibióticos, permitindo que algunhas poidan escapar ao seu efecto. FOTO: Santi Alvite
Este tipo de infeccións causa 1,27 millóns de mortes ao ano e a OMS estima que, en 2050, será a principal causa de mortalidade no mundo, cobrándose máis de 10 millóns de vidas anuais
Santiago de Compostela

A investigación farmacolóxica atópase ante o reto de proporcionar novos antibióticos eficaces para tratar infeccións ocasionadas por bacterias resistentes aos antibióticos que sexan, ademais, alcanzables para o conxunto da poboación. Ante esta situación, a Plataforma de Descubrimento de Fármacos Innopharma, dependente do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), alcanzou un acordo coa compañía ABAC Therapeutics dedicada á investigación en antibióticos, para unir forzas na procura de novas solucións terapéuticas.

“As infeccións ocasionadas por bacterias resistentes aos antibióticos son, na actualidade, un dos maiores problemas de saúde global, en termos de mortalidade, impacto social e económico”, explican dende o CiMUS. As bacterias multirresistentes causan 1,27 millóns de mortes ao ano e a Organización Mundial da Saúde estima que, en 2050, serán a principal causa de mortalidade no mundo, cobrándose máis de 10 millóns de vidas anuais. “O motivo é que os mesmos antibióticos que en décadas pasadas contribuíron a salvar millóns de vidas deixaron de ser efectivos fronte a estas bacterias”, sinalan. 

Para facer fronte a esta situación, ambas as entidades crearán unha unidade mixta que permita, coa máxima eficiencia e optimización de custos, o cribado de coleccións de compostos, co obxectivo de identificar futuros antimicrobianos que sexan activos contra as bacterias resistentes. “A chamada, pandemia silenciosa, non ten fronteiras. As bacterias multirresistentes causan, 39.000 mortes ao ano en Europa. Ademais, esta gravísima catástrofe humana ten un importante impacto a nivel social e económico que só en Europa supón uns 1.500 millóns de euros anuais”, comenta Domingo Gargallo-Viola, director de ABAC Threrapeutics.

As bacterias vólvense resistentes debido á súa capacidade de mutar e adaptarse en resposta a condicións adversas, entre outras causas, ao uso indiscriminado de antibióticos, permitindo que algunhas poidan escapar ao seu efecto, o que complica o tratamento de infeccións cada vez máis comúns e difíciles de xestionar clinicamente, como a pneumonía, a tuberculose, a septicemia ou a gonorrea. “É urxente descubrir e desenvolver novas clases de antibióticos ante as resistencias e, para iso, queremos levar a cabo o cribado de múltiples coleccións de compostos co obxectivo de identificar novos fármacos contra as bacterias resistentes. Só unha estratexia baseada no medio e longo prazo pode dar resposta a este grave problema de saúde global”, sinala a directora do CiMUS e da plataforma Innopharma, Mabel Loza.

Reto global

Para investigar con microorganismos patóxenos vivos, os farmacólogos están obrigados a traballar con estas bacterias resistentes, o que implica dispoñer de laboratorio con condicións de máxima seguridade, no que estes perigosos microorganismos sexan manipulados con coñecemento profesional e seguridade técnica. Na nova unidade colaborativa ABAC Therapeutics dispón das instalacións adecuadas e a experiencia de traballo con bacterias resistentes. Pola súa banda, a plataforma Innopharma dispón da experiencia e as infraestruturas únicas en España para a xestión totalmente automatizada de millóns de compostos. A unidade colaborativa entre ABAC Therapeutics e a Plataforma Innopharma-USC supón, por tanto, unha oportunidade estratéxica para abordar o reto de identificar novos compostos eficaces fronte aos devanditos organismos, e achegar novas solucións terapéuticas para os pacientes infectados por patóxenos resistentes aos antibióticos actuais. Esta pioneira unidade constitúe un referente en Europa, e abre a porta á incorporación de novos colaboradores. 
 

Mabel Loza e Domingo Gargallo-Viola
Mabel Loza e Domingo Gargallo-Viola
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2023.