Unha unidade didáctica creada por investigadores da USC para Bacharelato achégase á historia das historias do Reino de Galicia
Investigadores da USC acometeron o estudo do Reino Medieval de Galicia nas historias de Galicia escritas dende o século XVI ata a historia inmediata. Para desenvolver este obxectivo e baixo a coordinación do profesor Israel Sanmartín, partiron dun corpus de historias xerais de Galicia e historias da Galicia medieval. Nestas obras identificaron que Reino medieval se foi reflectindo ao longo dos séculos. As achegas deste proxecto, entre as que se atopa unha unidade didáctica dirixida a alumnado de segundo de Bacharelato, poden consultarse nesta páxina web. A unidade é de descarga gratuíta e concibiuse para a materia ‘Xeografía e Historia de Galicia’ de 2º de Bacharelato. A web tamén conta con materiais de exposición que inclúen seis pósters co resultado do estudo e entrevistas con historiadores galegos que teñen publicado obras nos últimos anos.
“Dividimos a historia da escritura do Reino Medieval de Galicia en catro etapas: a etapa do renacemento e a ilustración (séculos XVI-XVIII); a etapa da institucionalización da historia (século XIX); a etapa dende a restauración ata o fin da ditadura franquista; e a etapa dende a Transición ata os nosos días”, explica o profesor Sanmartín. “En todas as épocas recollemos e analizamos algunhas cuestión relativas ao autor, as fontes, a metodoloxía ou os diferentes elementos que configuran o Reino Medieval de Galicia”, engade.
Preto dun cento de obras
O portal web busca conexións entre as distintas ideas sobre Reino de Galicia ao longo da historia. Da Descripción del reyno de Galicia y de las cosas notables dél (1549), de Bartolomeu Sagrario de Molina, a O Reino medieval de Galicia: crónica dunha desmemoria (2020), de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira, o portal historiadoreino.gal compila información de 90 obras publicadas nos últimos cinco séculos sobre a Galicia medieval.
Con vocación divulgadora, a páxina é o resultado dunha investigación que contextualiza histórica, política e culturalmente os textos investigados e analiza as súas autorías, tamén aquelas construídas pola historia. Entre elas, nomes como Manuel Murguía, Vicente Risco, Ramón Vilar Ponte, Justo Beramendi ou Ramón Villares. Incorpora, así mesmo, o estudo do papel das mulleres na conformación e evolución do Reino de Galicia, conectando as diferentes ideas publicadas sobre este período histórico “para permitirnos esculcar as súas rupturas e continuidades”, explican dende o equipo investigador. Este proxecto contou co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-22 da Deputación da Coruña.