Ir o contido principal

A Unidade Docente de Cirurxía Oral da USC realizará para Nobel Biocare un estudo sobre colocación inmediata de implantes en pacientes

O reitor acompañado dos integrantes da Unidade Docente de Cirurxía Oral da USC e os representantes de Nobel Biocare
O reitor acompañado dos integrantes da Unidade Docente de Cirurxía Oral da USC e os representantes de Nobel Biocare

Un equipo de Cirurxía Oral da Universidade de Santiago será o encargado de elaborar para Nobel Biocare, grupo dedicado á produción e investigación de produtos sanitarios e líder mundial en solucións dentais estéticas innovadoras baseadas na ciencia, un estudo científico e clínico sobre colocación inmediata de implantes en pacientes.
Esta mañá o reitor Senén Barro recibiu no seu despacho de San Xerome ao director xeral do grupo empresarial, Francisco Javier Viladés, e aos directores da investigación, os profesores da USC José María Suárez Quintanilla, José Luis Balboa Gómez, Manuel Freire Garabal Núñez e Antonio Aguado Santos. Na xuntanza tratáronse os pormenores do acordo que senta as bases para a realización do estudo, á vez que lembraron a relación estable de colaboración que a Unidade Docente de Cirurxía Oral da USC xa presta ao Instituto Sueco e a Nobel Biocare a través do seu Curso de Especialización en Implantoloxía.
O convenio asinado é un marco de referencia para promover a cooperación entre os organismos públicos de investigación e as empresas coa fin de dar unha resposta eficaz ás esixencias do cambio tecnolóxico. Como explicou Suárez Quintanilla, o convenio marco supón “o inicio dunha colaboración estable que non só se dirixe á investigación senón tamén á formación”.
O equipo interdisciplinar da USC está a traballar, ademais de en aspectos clínicos, en cuestións relacionadas coa compatibilidade metálica dos implantes, comprobando como estes funcionan en modelos de laboratorio para predicir comportamentos e podelos comparar con modelos existentes. Deste xeito, afirmou Freire Garabal, implementaranse novos métodos e aplicacións que permitirán unha mellora na asistencia bucodental.
A implantoloxíaA era dos implantes en Odontoloxía comeza en 1952 co descubrimento dun tratamento novo que permitía repoñer dentes perdidos a través dun proceso biolóxico denominado oseointegración, que permite que un implante de titanio se integre completamente na estrutura ósea do maxilar do paciente. Este proceso foi descuberto polo pioneiro desta marca comercial e investigador biomédico Per Ingvar Branemark, quen realiza a primeira colocación dun implante nun paciente no ano 1965.
Coa aparición das novas superficies materiais, explicaron os expertos, o nivel de rexeitamento ou fracaso aos implantes é do 3 ou 4 por cento, tendo en conta que ese fracaso pode deberse non só á tecnoloxía aplicada senón ao estado físico do paciente. Os grandes avances experimentados nos últimos quince anos neste campo e os plans de saúde bucodental existentes farán que os rapaces que hoxe teñen 16 anos conten ao chegar á etapa adulta cunha calidade de hixiene e saúde oral comparable aos de países como Suecia, exemplo neste eido, argumentaron os expertos da USC.
Nobel BiocareNobel Biocare, coa súa sede en Gotemburgo (Suecia), conta con 1.800 técnicos e investigadores, alcanzando os seus ingresos en 2006 aos 781 millóns de euros. Desde hai anos vén establecendo distintos convenios de colaboración con prestixiosas universidades europeas e de Estados Unidos, apoiando así a investigación e formación complementaria dos seus centros en Gotemburgo, California, Canada e Nova Jersey. Este grupo desenvolve, produce e vende a gama máis completa do mercado de produtos e sistemas para implantes dentais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.02.2007.