A Unidade Docente de matronas organiza o luns as terceiras Xornadas de Anticoncepción
A Unidade Docente de Galicia de Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica (matronas) organiza o luns 22 no Salón de Actos do edificio docente Roberto Novoa Santos as terceiras Xornadas de Anticoncepción, cun programa no que se tratarán cuestións relacionados con métodos anticonceptivos na actualidade, anticoncepción combinada, reversible de longa duración e en situacións especiais.
Coincidindo con esta xornada instalarase unha mesa informativa sobre anticoncepción no hall do Hospital Clínico Universitario de Santiago aberta ao público de 12.45 a 18.00 horas. Nesta mesa participará Mª Elena Pérez Muñuzuri, especialista en Obstetricia e Xinecoloxía e docente da Unidade Docente da especialidade, acompañada de residentes de segunda ano de matrona. Para facilitar información ás persoas que se interesen utilizarán a plataforma informática www.anticonceptivoshoy.com, na que segundo os criterios de elixibilidade da OMS se lle ofrecerá un conxunto de alternativas de posibles métodos anticonceptivos e a conseguinte información documentada.
Conferencias
As conferencias que conforman a Xornada comezarán ás 17.00 horas no Salón de Actos da Aula 3 do edificio docente Roberto Novoa Santos coas intervencións de Rocío García-Viso Albardía e Paola Margarita Solari Gómez sobre métodos anticonceptivos na actualidade e continuarán tratando a anticoncepción combinada, da man de Victoria Pérez López e Raquel Blanco García. A partir das 17.40 horas Marta Rial de la Torre, Maite López Tellería e Pablo López Jiménez presentarán a súa intervención sobre anticoncepción reversible de longa duración para rematar falando sobre situacións especiais con Ana Inaraja e Inés Olmos.
Estas xornadas son as primeiras que se realizan no marco do Convenio de colaboración entre a USC e a Fundación Meniños para o desenvolvemento do programa piloto de intervención prenatal e perinatal con nais en situación de dificultade social promovido pola Consellaría de Política Social e executado pola propia Fundación. Pola súa banda, a Unidade Docente de Galicia de Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica é unha unidade de titularidade autonómica na que se realiza a formación sanitaria especializada da especialidade de Ciencias da Saúde en Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica coa implicación da USC e o Servizo Galego de Saúde.