A Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario avalía a satisfacción dos pacientes hospitalarios
Estudar o nivel de satisfacción dos pacientes en centros hospitalarios é unha das liñas de investigación que acomete a Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Facultade de Psicoloxía da USC. Nesta liña, a Unidade acaba de realizar por oitavo ano consecutivo o estudo de calidade e satisfacción do paciente do Hospital Ribera Juan Cardona de Ferrol. O profesor Jesús Varela Mallou, coordinador da Unidade, presentou os resultados desta avaliación e seguimento correspondente ao ano 2021 sobre a calidade percibida dos principais servizos que ofrece o centro, así como da satisfacción que xera no paciente ou usuario.
A Unidade de Psicoloxía Forense está integrada no Servizo de Psicoloxía da USC, o cal ten como finalidade promover a formación, a investigación e a transferencia de coñecemento nos ámbitos aplicados da Psicoloxía, ofrecendo no seu caso á comunidade universitaria e á sociedade unha atención especializada de calidade.
Os servizos abordados no estudo foron os de hospitalización, urxencias, análises clínicas, hemodiálise, cirurxía, rehabilitación, radioloxía e probas diagnósticas. “O balance xeral foi moi positivo, experimentouse unha mellora contida e unha mellora xeral da calidade percibida”, sinalou o profesor da USC. A pesar de que o ano 2021 aínda estivo moi marcado pola pandemia non afectou na opinión dos pacientes e usuarios, xa que grazas ás súas valoracións axudaron a xestionar o cambio e a tomar decisións.