Ir o contido principal

A Unidade de Tabaquismo desenvolve en liña o seu programa para deixar de fumar

O programa permite deixar de fumar sen padecer os síntomas da síndrome de abstinencia. Foto: Santi Alvite
O programa permite deixar de fumar sen padecer os síntomas da síndrome de abstinencia. Foto: Santi Alvite
Gratuíto, o programa consta de oito sesións, dunha hora de duración e unha vez por semana, que se celebrarán a través de vídeo chamada e en grupo

Adaptando a súa actividade á actual situación derivada da COVID-19, a Unidade de Tabaquismo e Trastornos da USC desenvolve mediante unha plataforma en liña o seu programa para deixar de fumar facilmente. Deste xeito, a persoa interesada pode seguir o tratamento dende a súa casa, semana a semana, seguindo o mesmo sistema que o utilizado nas sesións presenciais. O Programa para Deixar de Fumar Online desenvólvese de maneira grupal e é gratuíto. Para participar so é preciso formalizar a inscrición e dispor dun dispositivo electrónico (tableta, ordenador ou teléfono móbil), a través do que se poderá interactuar persoalmente e seguir as instrucións que se achegarán semanalmente.

O programa consta de oito sesións, dunha hora de duración e unha vez por semana, que se celebrarán a través de vídeo chamada. Nesta sesións aplicarase o tratamento psicolóxico deseñado nos último anos baixo a dirección do profesor Elisardo Becoña, quen destaca o “seu alto nivel de eficacia e de referencia a nivel nacional e internacional pola súa facilitade para seguilo”, así como a súa “aceptación por parte das persoas fumadoras”. Como sinala, máis de 15.000 persoas teñen sido tratadas a través deste programa.

Semana a semana, explica o profesor Becoña, as persoas fumadoras farán unha redución da cantidade de nicotina consumida, establecendo  o número de cigarros que poden fumar diariamente. Deste xeito, é posible “deixar de fumar sen padecer os síntomas da síndrome de abstinencia (enfado, ira, tristeza, ansiedade,...)”. Tamén se prestarán atención ás situacións e hábitos habitualmente asociadas ao consumo de tabaco (momentos de ocio, café,...). Con carácter semanal, o equipo da Facultade de Psicoloxía proporcionará diferentes ferramentas psicolóxicas “que resultarán de axuda no proceso de abandono do tabaco, así como no manexo da ansiedade e do estado de ánimo ou evitar situacións de risco de recaída”, aclara o doutor Becoña.

Con anterioridade ao inicio do tratamento, ás persoas interesadas participarán nunha entrevista e unha avaliación para coñecer cada caso en particular e as súa motivacións e así personalizar o tratamento. Unha vez finalizado, o equipo da Unidade de Tabaquismo realiza un seguimento ao longo dun ano para realizar apoio e axuda se fora precisa e solucionar posibles dúbidas e problemas que poidan ir xurdindo co tempo. Para acadar información máis detallada, as persoas interesadas poden dirixirse ao teléfono 881 81 39 39, aos correos electrónicos elisardo.becona [at] usc.es (elisardo[dot]becona[at]usc[dot]es) ou ana.lopez [at] usc.es (ana[dot]lopez[at]usc[dot]es) ou tamén poden consultar a web.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.06.2023.