Ir o contido principal

A Unidade de Tabaquismo ofrece cinco programas específicos para deixar de fumar

O tabaquismo está asociado á morte prematura de dez persoas ao día en Galicia

Fumar segue sendo a principal causa de mortalidade evitable, xa que o tabaquismo está asociado á morte prematura de máis de 50.000 persoas cada ano en España, dez ao día en Galicia. Fronte estes datos, o director da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC, Elisardo Becoña, sinala que abandonar este hábito é a mellor medida que calquera persoa pode tomar ao longo da súa vida para mellorar a súa saúde e a das persoas que a rodean. Apunta tamén que “o inicio do ano sempre é un bo momento para deixar de fumar”.

Unha ano máis, esta Unidade ofrece varios tipos de tratamento para persoas que demandan axuda deste servizo da Facultade de Psicoloxía, realizados individualmente e en grupo. Na actualidade, existe a posibilidade de participar nun programa xenérico aberto a calquera persoa; e outros tres específicos, para mulleres ás que lles preocupa aumentar peso ou experimentar problemas co estado de ánimo; para persoas con graves problemas de saúde causados polo consumo de tabaco e que precisan unha intervención intensiva; e para quen decida seguir este programa dende a súa casa, por correo. A estes súmanse programas para o control e tratamentos de distintas adicións (cannabis, abuso de novas tecnoloxías,...).

Elisardo Becoña lembra que a Unidade acumula unha importante experiencia neste tipo de programas, cuxos beneficios fanse evidentes con rapidez xa que “as persoas que deixan de fumar melloran moito na súa calidade de vida, aforran moitos cartos e atópanse moito mellor de saúde”. As persoas interesadas nos tratamentos da Unidade de Tabaquismo da USC poden contactar nos teléfonos 881 813939 ou 881 813861, así como por correo electrónico (elisardo.becona [at] usc.es (elisardo[dot]becona[at]usc[dot]es); ana.lopez [at] usc.es (ana[dot]lopez[at]usc[dot]es)).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.06.2023.