A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos bota man dunha App para lograr que os seus pacientes deixen de fumar
A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC acaba de poñer en marcha unha nova intervención para deixar de fumar dende a casa. A través de sesións nunha plataforma en liña e co apoio dunha App, o paciente “segue o tratamento comodamente, semana a semana, dende a súa casa coa axuda dun terapeuta”, sinalan dende a Unidade. O Programa para Deixar de Fumar é gratuíto e lévase a cabo en formato grupal. Para participar, só hai que apuntarse e dispoñer dun dispositivo electrónico con conexión a internet (tableta, computador ou teléfono móbil) “dende o que poidamos vernos e escoitarnos, así como un teléfono móbil para poder descargar a App”, explican.
O devandito programa de tratamento consta de oito sesións que se desenvolven a través da plataforma en liña, unha vez á semana, cunha hora de duración. “Nelas aplicamos o tratamento psicolóxico que levamos a cabo dende hai anos, o Programa para deixar de fumar, ben coñecido, cun alto nivel de eficacia e de referencia a nivel estatal e internacional pola súa facilidade para seguilo e pola aceptación do mesmo por parte dos fumadores”, indican os responsables da Unidade que xa trataron a unhas 15.000 persoas. Semana a semana, os participantes farán unha redución gradual da cantidade de nicotina que consomen, establecendo cada semana o número de cigarros que poden fumar diariamente. “Desta forma, pódese deixar de fumar sen ter os síntomas da síndrome de abstinencia como son enfado, ira, tristeza, ou ansiedade”, matizan.
Situacións vinculadas ao consumo de tabaco
Igualmente, o programa aborda as situacións asociadas ao consumo de tabaco como é o caso do vínculo entre café e fumar. “E, o máis importante, semana a semana proporcionaranse diferentes ferramentas psicolóxicas que resultarán de axuda no proceso de abandono do tabaco, así como no manexo da ansiedade e do estado de ánimo, e que lle axudarán a evitar situacións de risco de recaída”, sinalan os responsables desta Unidade dirixida polo catedrático da USC Elisardo Becoña Iglesias e coordinada pola profesora Ana López Durán. Ademais, contarán co apoio dunha App deseñada especificamente para este programa que axudará aos participantes durante todo o proceso.
Antes de comezar o programa, ás persoas interesadas en participar, faráselles unha entrevista e unha avaliación, co obxectivo de coñecer cada caso en particular e adaptar o tratamento ao mesmo. Ao finalizar o programa, “seguiremos en contacto ao longo dun ano, para seguir o seu estado, axudarlle se o precisa e solucionarlle posibles dúbidas e problemas que lle poida ir xurdindo co tempo”, explican. Pode obterse información máis detallada deste tratamento no teléfono 881 81 39 39, a través do enderezo electrónico elisardo.becona [at] usc.es (elisardo[dot]becona[at]usc[dot]es) ou ana.lopez [at] usc.es (ana[dot]lopez[at]usc[dot]es)