A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos estrea denominación e amplía a súa gama de servizos
A Unidade de Tabaquismo da USC amplía os seus servizos co obxectivo de ofrecer asistencia psicolóxica de alta calidade no ámbito das adicións á poboación que o demande a través de recursos humanos cualificados, tanto psicólogos/as clínicos como xerais sanitarios. Neste novo marco, muda tamén a súa denominación que agora será Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Facultade de Psicoloxía da USC. Este servizo acumula tres décadas de existencia e preto de 14.000 fumadores tratados no ‘Programa para deixar de fumar’, ademais das iniciativas desenvolvidas no tratamento doutras adicións como o xogo patolóxico, a dependencia do cannabis, da cocaína ou de problemas asociados á utilización das novas tecnoloxías. Así, entre os tratamentos cos que conta a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos figuran, ademais do programa para deixar de fumar, outros que achegan consello e tratamento para persoas con problemas co cannabis, para persoas adultas e mozas con problemas co alcohol, así como para aquelas con adicións no ámbito das novas tecnoloxías e outras adicións. O catedrático de Psicoloxía Clínica da USC Elisardo Becoña é o director da Unidade que integra un cadro de profesionais deste ámbito da psicoloxía xuntando o traballo no ámbito clínico coa docencia e o labor investigador. Na páxina web do servizo pódense consultar, ademais dos servizos que ofrece, as publicacións realizadas polo persoal da Unidade ou os proxectos nos que está actualmente implicada.