Ir o contido principal

A Unidade de Tabaquismo da USC comproba a eficacia da activación condutual no tratamento psicolóxico de persoas fumadoras

O novo traballo acaba de saír publicado na revista Plos One. Foto: Pixabay
O novo traballo acaba de saír publicado na revista Plos One. Foto: Pixabay
A Unidade de Tabaquismo da USC comproba a eficacia da activación condutual no tratamento psicolóxico de persoas fumadoras

Un equipo da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC liderado polo catedrático de Psicoloxía Clínica Elisardo Becoña acaba de publicar na prestixiosa revista Plos One o primeiro ensaio clínico que mostra claramente a eficacia da activación condutual no tratamento psicolóxico de persoas fumadoras. A activación condutual é unha técnica psicolóxica dirixida ao manexo e mellora do estado de ánimo. O seu obxectivo “é que a persoa incremente a realización de actividades positivas e gratificantes de acordo cos seus intereses e valores”. Así, como explican dende a Unidade de Tabaquismo é “máis probable que a persoa entre en contacto con aspectos sociais, persoais e ambientais positivos”.

Como explican dende a Unidade, o traballo parte dunha “ampla mostra de 274 fumadores”, a partir da cal se ten demostrado que “a activación condutual permite mellorar os resultados de eficacia na abstinencia do tabaco”. Esta técnica xa demostrara previamente a súa eficacia para o tratamento da depresión e “dado que cada vez máis persoas fumadoras presentan un baixo estado de ánimo, no estudo avaliouse o papel da activación condutual no tratamento para deixar de fumar”. Neste senso, a investigación permitiu comprobar tamén como “as persoas que logran deixar de fumar melloran no seu estado de ánimo conforme pasa o tempo”. Trátase dun dato relevante no sentido de que “a sintomatoloxía depresiva relaciónase con dificultades para deixar de fumar”.

Outra das conclusións alcanzadas foi que os resultados son “igualmente positivos tanto en homes como en mulleres”, sen esquecer que “o tratamento non ten efectos adversos, a diferenza do que ocorre con distintos fármacos”. En conxunto, o equipo responsable do estudo considera que coa técnica avaliada “deixar de fumar non só permite mellorar a saúde física senón que o estado de ánimo tamén mellora a longo prazo”.

O estudo abre novas vías de investigación así como de colaboración da Unidade de Tabaquismo da USC con outros grupos nacionais, europeos e norteamericanos, en base aos “resultados obtidos, innovación e achegas do traballo ao campo de tratamento do tabaquismo”. Os autores do artigo son Carmela Martínez Vispo, Rubén Rodríguez Cano, Ana López Durán, Carmen Senra, Elena Fernández del Río e Elisardo Becoña. A traxectoria e experiencia desta Unidade da USC convértena nun referente no tratamento psicolóxico para deixar de fumar tanto no plano nacional como internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.06.2023.