A Unidade de Tabaquismo da USC ofrece ás persoas interesadas unha nova oportunidade para deixar de fumar
Preto de 11.000 fumadores pasaron polos distintos programas da Unidade de Tabaquismo da USC nos últimos anos cunha probada eficacia segundo se desprende de múltiples estudos. Actualmente a Unidade mantén aberto ata o próximo 26 de outubro o prazo para participar na nova quenda deste tratamento psicolóxico grazas ao que numerosas persoas conseguiron abandonar o tabaco. Segundo explica o catedrático de Psicoloxía Clínica e responsable da Unidade, Elisardo Becoña, os motivos para deixar de fumar son múltiples. Se ben a saúde soe ser o principal, nos últimos anos rexistráronse outros de carácter económico, unha maior conciencia do carácter aditivo do tabaco, a presión social ou a asunción de que a partir de certa idade xa é o momento de abandonar o hábito. A Unidade de Tabaquismo ofrece tratamentos de distinto tipo, como individuais, en grupo, para consumidores de moitos cigarros, con problemas físicos asociados ou con problemas persoais, así como tamén por correo postal, xa que o Programa 2011 para deixar de fumar pode ser seguido dende a casa (http://www.usc.es/pdf2001). As persoas interesadas en inscribirse nestes tratamentos poden contactar por correo electrónico (elisardo.becona [at] usc.es (elisardo[dot]becona[at]usc[dot]es)) ou chamar aos teléfonos 881.813.939 ou 881.813.861, así como a través da páxina http://www.usc.es/pdf2001.