Unidos polos atardeceres atlánticos de Europa

As Universidades de Santiago de Compostela, Angers, Gallway e Porto traballan conxuntamente no proxecto Interreg Atlantic Area ‘Atlantic Sunset’ que busca contribuír á valorización dos atardeceres da costa occidental de Europa a través da promoción como recurso turístico.
Os equipos deste proxecto reuníronse esta semana na Universidade de Angers para pór en común cuestións que permitan seguir traballando desta iniciativa, que pretende loutar contra a perda de poboación á vez que contribuír a diversificación das economías, considerando as capacidades locais, a natureza de cada paisaxe e as comunidades que o habitan.
Na xuntanza participaron os catedráticos Rubén Camilo Lois, da Facultade de Xeografía e Historia, e Jorge Mira, da Facultade de Física, e as investigadoras Maricarmen Tapia e Paula Noya, membros do equipo investigador da USC que traballa na creación de destino en Cabo Touriñán e en Cabo Ortegal, recentemente declarado Xeoparque UNESCO.
O primeiro sobre esta temática
Atlantic Sunset é o primeiro proxecto europeo que se desenvolve no marco desta temática e constitúe un fito no aproveitamento turístico sostible deste recurso fóra dos grandes destinos de postas de sol europeas. De feito, o proxecto, asentado na experiencia de diferentes grupos de investigación de referencia no ámbito da física e da xeografía, busca “aproveitar non só a beleza natural asociada ás mellores e máis particulares postas de sol do Atlántico senón tamén identificar e valorizar os recursos endóxenos locais asociados ao sol e que se converten nun reclamo patrimonial”, explican.
O proxecto constitúe unha nova oportunidade de desenvolvemento territorial conxunto vinculado á posta de sol e servirá para poñer en valor a costa atlántica do oeste europeo como medio de desenvolvemento económico alternativo ao turismo tradicional, “considerando a complementariedade temporal e espacial, a inclusión e a innovación social”, afirman os responsables do proxecto.