Uninova analiza nunha xornada de traballo os factores clave na atención ao cliente e as ferramentas TIC necesarias para a súa xestión
A incubadora de empresas da Universidade de Santiago, Uninova, organizou este mércores 14 unha xornada de traballo sobre os factores clave na atención a clientes así como sobre as ferramentas TIC necesarias para a súa xestión. Esta xornada, desenvolvida na Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, forma parte do proxecto europeo Transtic do que Uninova é socia.
Á esta sesión inaugurada polo xerente de Uninova, Gustavo Marcos, asistiron empresas dos sectores da acuicultura, nanotecnoloxía, seguridade e hixiene alimentaria, xestión cultural, servizos técnicos de enxeñaría e Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
O proxecto TransticO proxecto TRANSTIC (Programa Transfronteirizo para a Consolidación de Redes de Cooperación entre Empresas TIC) está enmarcado dentro da iniciativa Europea Interreg III-A e ten por obxectivo impulsar a xeración de contactos e relacións de cooperación comercial ou tecnolóxica tanto entre empresas vinculadas ao sector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións como entre estas é as PEMES como potenciais demandantes dos seus servizos.
Xunto a Uninova, no proxecto tamén participan o Centro de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia), a Confederación de Empresarios de Pontevedra, a Asociación de Novos Empresarios de Galicia, e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, representando a Galicia, e a Oficina de Innovaçao Empresarial e a Associaçao Universidade Empresa para o Desenvolvemento, ambas as dúas de Portugal.
As accións incluídas na axenda deste proxecto europeo se materializarán na creación dunha plataforma de seguimento e soporte a novos proxectos empresariais no ámbito da Sociedade da Información na área xeográfica de Galicia e Norte de Portugal. Esta plataforma prestará un conxunto de servizos dirixidos a micro e pequenas empresas de nova creación, así como a aquelas xa consolidadas co obxecto de crear unha rede de apoio para potenciar o desenvolvemento de proxectos empresariais no ámbito da Sociedade da Información.
O desenvolvemento deste proxecto permitirá formar a un equipo de técnicos especializados, en cada unha das rexións participantes, capaces de impulsar a aparición de contactos comerciais e oportunidades de negocio en base ás potencialidades ofrecidas polas TIC. Paralelamente, definiranse novas accións formativas destinadas a impulsar a utilización das novas tecnoloxías no tecido empresarial fomentando a colaboración con empresas do sector.