Ir o contido principal

Uninova colabora co programa Erasmus para mozos e mozas emprendedores

A incubadora de empresas da USC, Uninova, colabora coa Comisión Europea no Programa Erasmus para Mozos/as Emprendedores (Erasmus for Young Entrepreneurs), que é similar ao Erasmus para estudantes pero enfocado a novos emprendedores. Uninova actúa como organismo intermedio do Programa, levando a cabo labores de coordinación e apoio aos emprendedores e empresas participantes, así como xestionando os emparellamentos empresariais (matchings) que se xeren no espazo europeo. Esta iniciativa está dirixida a axudar a novos emprendedores a adquirir habilidades para xestionar pequenas e medianas empresas. Poden optar ás bolsas emprendedores/as que xa teñan creada a empresa (ata un máximo de 3 anos de antigüidade) ou novos emprendedores/as que estean pensando en facelo. Para participar, é preciso rexistrarse na páxina web do Programa (http://www.erasmus-entrepreneurs.eu/), cubrir un formulario explicando as motivacións e obxectivos e subir o currículo e o plan de empresa. A Unión Europea financia con este Programa estadías de entre un e seis meses nunha PEME europea con experiencia para axudar aos novos emprendedores/as a adquirir as habilidades necesarias para xestionar unha empresa. As persoas seleccionadas terán a oportunidade de aprender dun/ha empresario/a con experiencia que dirixa unha PEME noutro país da Unión Europea, facilitando o acceso a novos mercados e á busca de socios comerciais. Do mesmo xeito, estes empresarios/as que acollen aos novos emprendedores poderán abrir o seu mercado a outros países da Unión. O Programa Erasmus para Mozos Emprendedores estimula a iniciativa empresarial, a competitividade, a internacionalización e o crecemento das PEME na Unión Europea, contribuíndo á transferencia de coñecementos técnicos e ao desenvolvemento da capacidade de xestión das PEMEs.

Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a Uninova a través dos enderezos de correo electrónico de rosamaria.sanchez [at] usc.es (rosamaria[dot]sanchez[at]usc[dot]es) e monica.suarez [at] usc.es (monica[dot]suarez[at]usc[dot]es) ou aos teléfonos +34 881 815 596/3.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2012.