Universia lanza a primeira plataforma única de validación de certificacións universitarias empregando a tecnoloxía FIVIDOC
Universia presentou o pasado 8 de xuño no University forum Summit celebrado en Valencia a Plataforma única de validación de certificacións universitarias empregando a tecnoloxía FIVIDOC, un proxecto que en colaboración coa Conferencia de Reitores de Universidades de España (CRUE) permitirá ás universidades españolas dotar de seguridade ás súas certificacións universitarias. Desta forma calquera receptor dunha destas certificacións poderá verificar cun simple proceso de dixitalización (escaneo ou fotografía), ou apertura do ficheiro recibido, se o contido do documento foi manipulado. Co lanzamento desta nova plataforma, Universia prestará un servizo central de cotexo electrónico de documentos impresos, en especial as copias auténticas en papel expedidas pola CRUE e as universidades españolas adheridas á plataforma. Detectarase así a falsificación dos documentos universitarios españois e evitaranse os danos derivados de potenciais fraudes. A tecnoloxía Fividoc, que ten a súa orixe na Universidade de Vigo, foi galardoada como aplicación ‘Cloud Innovation’ do ano no evento Fujitsu in future 2011 dentro dos premios ‘Channel Partner Awards’.