Ir o contido principal

A Universidade chora o pasamento do seu profesor, Xerardo Pereira Menaut

A Universidade de Santiago de Compostela manifesta o seu fondo pesar polo falecemento, este domingo, día 15, do catedrático de Historia Antiga, na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago, Xerardo Pereira Menaut, un destacado estudoso da cultura castrexa e de historia antiga de Galicia, era un especialista de prestixio internacional no eido da epigrafía latina e da historia de Roma antiga. Foi autor de importantes estudos sobre as inscricións romanas de Valencia foi tamén o coordinador da edición definitiva das inscricións romanas de Galicia

Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Valencia, doutorouse na Universidade de Barcelona, comezando a súa actividade docente, como profesor numerario, na Universidade de Valencia e ampliando a súa formación en Alemaña, como Bolseiro Humboldt na Universidade de Heidelberg. Pereira Menaut foi despois profesor Agregado na Universidade de Oviedo e, no ano 1980, pasa a formar parte do cadro de persoal docente e investigador da Universidade de Santiago, tamén como profesor Agregado, para acceder en 1983 á Cátedra de Historia Antiga.

Participou e dirixiu numerosos proxectos de investigación, entre os que destaca A Economía Política dos Romanos (1993-2003). Nos últimos anos a preocupación de Xerardo Pereira polo estudo e a historia do territorio era constante, como pode versen a súa La tierra y los hombres. Paisaje político, paisaje histórico. Era fundador e coordinador do Observatorio galego do territorio e un activista e loitador contra o feísmo e contra a destrución da paisaxe que –segundo opinaba- “era a destrución da identidade do país”.

Os restos mortais de Xerardo Pereira Menaut estarán no Tanatorio de Montouto (Teo) ata as 16,30 horas do luns, día 16 de febreiro, hora na que se celebrara no mesmo Tanatorio un acto civil de despedida e despois, ás 18 horas, serán soterrados no cemiterio de Portas (Pontevedra). A Universidade de Santiago de Compostela e todos os compañeiros do profesor, da Facultade de Xeografía e Historia e do Departamento de Historia I, choran o seu pasamento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2015.