Ir o contido principal

A Universidade contribúe á implantación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación nas empresas lucenses

A Universidade contribúe á implantación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación nas empresas lucenses
A Universidade contribúe á implantación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación nas empresas lucenses
A través dun convenio asinado co Concello de Lugo e o Inludes, da Deputación

A Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración do Concello de Lugo e do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (Inludes), poñerá en marcha un plan de implantación de distintas ferramentas de xestión do coñecemento de software libre e asociacións e empresas representativas do concello lucense e a provincia de Lugo. Trátase dun proxecto que desenvolverá a Aula TIC-PEMES da USC e no que participarán como dinamizadores tecnolóxicos estudantes de últimos cursos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas e da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo.
As achegas do Inludes, adscrito á Deputación de Lugo, e do Concello serán de 23.226,50 euros e de 17.680 euros, respectivamente, segundo os convenios asinados este luns 23 por José Ramón Gómez Besteiro e Xosé López Orozco con Senén Barro Ameneiro. Serán en total 48 asociacións ou PEMES, 24 do concello de Lugo e outras 24 da provincia, as que participarán neste proxecto que ten por obxectivo “poñer o coñecemento ao servizo da sociedade”.
No acto de sinatura deste convenio, xunto cos máximos responsables das tres institucións asinantes, asistiron tamén o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; a directora da Aula TIC-PEMES da USC, María de los Ángeles López Carbarcos; o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Luis Gago; a concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez; e a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez. Tamén asistiron unha ampla representación das empresas e dos estudantes que van desenvolver o proxecto e que, inmediatamente despois da sinatura dos convenios, realizaron a primeira sesión de traballo, para marcar calendario e facer unha posta en común.
O reitor da USC, Senén Barro, dixo que este era un bo exemplo do cumprimento dun dos principais obxectivos que ten a institución académica, poñendo o coñecemento ao servizo das PEMES e das asociacións, polo tanto, ao servizo da sociedade. Este proxecto ten, segundo o reitor, dúas fases claramente delimitadas, a primeira, centrada no desenvolvemento das TIC´s nas empresas lucenses e, a segunda, de difusión e divulgación da importancia do emprego destas tecnoloxías da información e da comunicación para garantir unha mellor calidade na actividade das empresas.
Tanto o reitor como o presidente da Deputación e o alcalde de Lugo destacaron nos seus parlamentos a importancia da calidade na actividade e na produción das empresas, entendendo que esta é a principal ferramenta para saír da actual situación de crise. Os tres insistiron en que a cooperación é tamén un bo instrumento para o desenvolvemento económico, referíndose a este caso concreto, sen xuntar esforzos este proxecto no sería posible desenvolvelo por cada unha das institucións individualmente.
Segundo a directora da Aula TIC-PEMES, Ángeles López Cabarcos, a Universidade pon en funcionamento para desenvolver este proxecto unha unidade que proporcionará servizos de e-titorías en materia de TIC´s ás empresas participantes no proxecto, que actuará como un servizo central de orientación e acompañamento tecnolóxico, dedicado fundamentalmente á difusión de ferramentas e plataformas de sofware libre. Unha das finalidades desta unidade será o seguimento e titorización da actuación dos dinamizadores nas empresas durante os meses de marzo e abril, sendo estes axentes os principais canalizadores da comunicación entre as empresas e os titores. Cando remate esta estadía dos dinamizadores, as empresas poderán seguir empregando a unidade, de forma directa, durante o resto do proxecto, ata o vindeiro mes de xuño de 2009.
As categorías xerais das ferramentas de xestión do coñecemento contempladas neste proxecto son as seguintes: xestión de e-espazos colaborativos, tanto Intranets como Extranets; xestión de contidos, para a presenza na rede a través de portais ou páxinas propias; xestión das relacións con clientes e xestión documental. Destas ferramentas implantarase en cada empresa a que os seus responsables decidan en función das súas necesidades e características máis relevantes das mesmas, que lles serán transmitidas por parte dos dinamizadores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.02.2009.