A Universidade estudará nun curso de verán as características da paisaxe do Courel
A Universidade de Santiago celebrará do 13 ao 16 de xullo en Seoane do Courel o curso de 30 horas lectivas titulado ‘Condicións ecolóxicas, actividade humana e paisaxe no Courel’. Trátase dun curso práctico no que se analizarán os fundamentos xeomorfolóxicos do Courel, as características da súa vexetación e as transformacións producidas na configuración da paisaxe polas actividades agrícolas.
Durante este curso, dirixido por Luís Guitián Rivera, tratarase de salientar o valor do territorio do Courel dende o punto de vista natural. Tamén se abordará a análise das paisaxes agrícolas que aínda existen como resultado da utilización dun determinado sistema de explotación dos recursos do medio e a importancia das transformacións recentes, agrícolas e industriais, entre outras, na desarticulación das paisaxes tradicionais.
Ademais da organización territorial das actividades agrarias, o programa comprende así mesmo varios percorridos guiados para os asistentes, co fin de observar as peculiaridades xeolóxicas da zona e a súa vexetación.
A taxa xeral de matrícula para este curso, que se desenvolverá ata o 16 de xullo, é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 3 de xullo), xa está aberto.