A Universidade de Minho concede o seu grao de doutor honoris causa ao catedrático Ramón Villares
A Universidade de Minho concedeulle o seu grao de doutor honoris causa ao catedrático de Historia Contemporánea Ramón Villares Paz, distinción académica que a institución portuguesa outorga a “personalidades de mérito eminente, que se destaquen nos dominios da ciencia, da educación e da cultura, posuidores dun currículo de gran proxección internacional”. O outorgamento desta distinción foi acordada por unanimidade dos membros da comisión científica do Senado Académico da Universidade portuguesa, neste caso, a proposta do seu Instituto de Ciencias Sociais. Ramón Villares é catedrático de Historia Contemporánea da USC dende 1987 e experto en historia agraria, historiografía e historia xeral de Galicia. Ademais é autor de máis de setenta publicacións. Reitor da Universidade de Santiago entre 1990 e 1994, actualmente é o presidente do Consello da Cultura Galega dende 2006. Con anterioridade foi decano da Facultade de Xeografía e Historia (1986-1990) e membro fundador e presidente da Asociación española de Historia Contemporánea, así como director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e consultor externo de entidades como o Instituto de Ciencias Sociais portugués ou presidente do Panel de Avaliación das Unidades de investigación en Historia de Portugal. Tamén pertence aos padroados do Museo do Pobo Galego, da Fundación Luis Seoane e da Fundación Otero Pedrayo.