A Universidade premia á sarriá María Zoe Chaos Carballo por unha curta sobre as posibilidades da enxeñaría para o territorio
A Universidade de Santiago de Compostela premia unha curta con móbil na que a sarriá María Zoe Chaos Carballo destaca algunha das posibilidades que ofrece a enxeñaría para o desenvolvemento do territorio galego cunha matrícula de balde nun curso de aprendizaxe ou perfeccionamento de calquera dos idiomas impartidos polo Centro de Linguas Modernas da USC durante o vindeiro exercicio académico 2013-2014.
A estudante de 2º de Bacharelato do IES Gregorio Fernández recibe este galardón polo traballo audiovisual presentado ao concurso de curtas con móbil ‘Coñeces as posibilidades da enxeñaría para o desenvolvemento do territorio galego’’, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela coa finalidade de espertar o interese polas enxeñarías, sobre todo por aquelas máis ligadas ao territorio, agricultura, gandería e ao medio natural, entre os estudantes de Bacharelato. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo e presidente do xurado do concurso de curtas con móbil ‘Coñeces as posibilidades da enxeñaría para o desenvolvemento do territorio galego?’, Pedro García Herradón, entregará este martes 9 de xullo, a partir das 11.30 horas, na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, o premio a esta estudante sarriá.
O director da Escola Politécnica Superior de Lugo, Javier Bueno Lema, tamén participará no acto de entrega do premio do concurso de curtas con móbil sobre enxeñaría en territorio, no que, entre outros asistentes, tamén se agarda a presenza dos demais integrantes do xurado encargado de fallar este certame: as xornalistas luguesas de El Progreso, Mar Martínez Louzao, e La Voz de Galicia, Laura López Fernández; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, José Pereira Fariña; a directora da Oficina de Información Universitaria, Isabel Braña, e o director do Servizo de Medios Audiovisuais da USC, Ángel Fagilde Fariña.