Ir o contido principal

A Universidade de Santiago afianza a súa posición de liderado investigador en España

A institución compostelá atópase entre as universidades españolas cunha maior calidade investigadora

A Universidade de Santiago captou durante o pasado ano 2008 un total de 68,40 millóns de euros de recursos externos para o desenvolvemento de actividade de I+D+i. Esta cifra inclúe os recursos captados de proxectos e accións competitivas tanto do ámbito europeo, como do estatal e autonómico, así como os proxectos e accións baixo contrato con administracións, empresas e entidades e os servizos técnicos e asesorías. Tamén estarían incluídas as accións institucionais e as convocatorias competitivas de recursos humanos de I+D.
O dato presentou este martes 2 o reitor da USC, Senén Barro, no transcurso dunha rolda de prensa na que, acompañado da vicerreitora de Investigación, María José Alonso, deu conta dalgúns dos principais indicadores da actividade investigadora da USC durante o pasado ano. Á presentación acudiron ademais o coordinador de Xestión e Promoción da Investigación, Francisco Javier Sardina; a directora de xestión da Investigación, Sonia Martínez Arca; e o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Jesús A. Casabiell.
Barro subliñou na presentación o recoñecemento acadado pola actividade investigadora na institución compostelá, “máis alá das cifras puras”, xa que a Universidade de Santiago atópase entre as primeiras do Estado por capacidade investigadora. Concretamente o Informe 2008 da Fundación CyD a sitúa como a segunda universidade española cunha maior calidade neste eido.
A magnitude da actividade investigadora da USC e a súa capacidade de atracción cara o entorno descansa en boa medida, segundo puxo de manifesto Barro, no seu capital humano “máis de 1.800 investigadores activos en proxectos de I+D e máis de mil bolseiros e contratados”. Neste capítulo, e á vista dos resultados acadados nos últimos tres anos, Barro mostrouse satisfeito xa que a Universidade compostelá mostra un crecente atractivo no capítulo de captación de persoal en programas de investigación. Entre 2006 e 2008, o número de contratados en convocatorias nacionais pasou de 64 a 85, con semellante evolución nas autonómicas onde dos 77 contratados se chega en 2008 a 105.
Produción científicaNo apartado específico da produción científica as grandes cifras ofrecidas referíronse a 2007, se ben os principais indicadores mostran estabilidade neste senso. Así, o número de artigos en revistas atópase entre os 1652 de 2005 e os 1643 do ano 2007. Non obstante a tendencia é á alza no caso dos artigos en revistas JCR, pasando de 1.103 a 1.225, e no das teses de doutoramento defendidas, 204 en 2005 e 208 xa en 2007.
Áreas de gran competitividadeAs áreas que concentraron durante 2008 unha maior capacidade de atracción en convocatorias competitivas para proxectos do Plan Nacional foron as de Física de Partículas, Ciencias e Tecnoloxías Químicas e Matemáticas ao captar preto de catro millóns de euros. Xa na comunidade autónoma, os programas que máis recursos lle reportaron á USC foron o Xeral de Investigación (3,0 millóns de euros), Biomedicina e Ciencias da Saúde (0,9 millóns) e Medio Rural (0,55 millóns).
Completando o abano de recursos procedentes de convocatorias competitivas, a USC xestionou no pasado curso 4,1 millóns de euros procedentes do VII Programa Marco da Unión Europea, repartidos en 21 actividades, das que unha foi coordinada directamente pola institución académica compostelá. Barro remarcou o avance experimentado neste apartado xa que en apenas dous anos captouse cifras similares ás rexistradas no VI Programa Marco, que se estendeu entre 2002 e 2006.
Polo que respecta á captación de recursos externos non competitivos por campo de actividade, tanto atendendo ao número de contratos subscritos como ao seu importe, durante 2008 destaca a actividade desenvolvida nos eidos da saúde, medio ambiente e estudos sociais.
PatentesDous son os informes sobre a actividade investigadora en España, o das Rede OTRI e o CyD 2008, que ratifican a boa disposición da USC na transferencia de resultados da investigación, concretamente no capítulo das patentes nos últimos anos. Segundos estes documentos, a de Santiago atópase entre o 6º e o 7º posto en canto a solicitudes de patentes e no 4º atendendo ás solicitudes de extensión internacional. Segundo puxo de manifesto Barro, no pasado ano a USC tramitou 35 comunicacións de invención e 24 solicitudes de patentes. Nese mesmo ano, a carteira activa de casos de patentes ascendía a 176, con 32 casos activos que inclúen patentes internacionais.
Xunto ás patentes, a transferencia de tecnoloxía ao contorno social tivo no programa de creación de empresas de Uniemprende outra destacada ferramenta. A universidade compostelá creou entre os anos 2003 e 2008 unha media anual de entre tres e catro empresas baseadas no coñecemento. Biotecnoloxía, materiais e química son os ámbitos temáticos que concentran unha maior actividade neste senso, cun destacado incremento da participación de proxectos co seu orixe nas ciencias sociais e as humanidades.
Neste senso, Barro lembrou que no cuarto trimestre deste ano estará operativo o novo edificio Nexus, concibido como unha nova estrutura de apoio ao emprendemento e á transferencia de resultados. O Nexus terá como cometido central a incubación de proxectos empresariais, albergando unidades de I+D empresariais e proxectos de maduración de resultados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2009.