Ir o contido principal

A Universidade de Santiago aproba a oferta de prazas de profesorado para 2019

A Universidade de Santiago aproba a oferta de prazas de profesorado para 2019
A Universidade de Santiago aproba a oferta de prazas de profesorado para 2019
Concrétase así a primeira acción da planificación prevista a catro anos

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago aprobou este venres a oferta de prazas de PDI para 2019, sendo esta a primeira concreción do Plan de Profesorado prevista para a catro anos e aprobada recentemente.

Entre as accións encamiñadas a incorporar novos efectivos figura a creación de 38 prazas de profesorado axudante doutor e a convocatoria doutras tres ocupadas interinamente. Por outra banda, para facilitar a estabilización e a promoción de profesorado apróbase a creación de 24 prazas de profesorado contratado doutor, outras tantas de titular –ambas convocatorias con reserva de prazas para persoal Ramón y Cajal-, 8 de titular con vinculación asistencial e 31 de catedrático/a de universidade. A todas estas hai que sumarlle 34 de profesorado asociado e PACS.

Na mesma xuntanza, prorrogáronse contratos de profesorado asociado, axudante doutor, PACS e lectores e acordouse a prórroga extraordinaria de profesorado contratado.

Escola de Doutoramento No Consello de Goberno deste venres presentouse ademais unha proposta de modificación da estrutura organizativa dos estudos de doutoramento que terá que ser tramitada para a súa aprobación formal. Segundo a proposta, crearíase unha única Escola de Doutoramento, denominada Escola de Doutoramento Internacional da Universidade de Santiago de Compostela (EDIUS), que asumiría a xestión administrativa e a coordinación deses estudos, que eran competencia do Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC (CIEDUS), así como a coordinación académica dos programas das anteriores Escolas de Doutoramento

Outros asuntos As propostas e memorias de estudos propios e os convenios foron outros puntos tratados na orde do día da xuntanza, na que ademais se renovaron os membros da Comisión de Coordinación do Campus da Cidadanía.

Na reunión quíxose ademais deixar constancia do fondo pesar entre a comunidade universitaria polo falecemento no atentado dos pasados días en Sri Lanka de Alberto Chaves, que cursara recentemente na USC o Mestrado en Enxeñaría Quimica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2019.