Ir o contido principal

A Universidade de Santiago, das más atractivas do Estado para os novos estudantes

A de Santiago é das universidades presenciais españolas cunha maior capacidade de atracción para novos estudantes, concretamente a segunda tras a Universidade de Salamanca. Así o recolle o Informe CYD 2008 . La contribución de las universidades españolas al desarrollo, da Fundación Conocimiento y Desarrollo. Segundo este documento, algo máis do 50 por cento dos estudantes matriculados de novo ingreso da institución académica compostelá procedían de fóra da provincia da Coruña, segundo datos relativos ao curso 06-07.
A posición da Universidade compostelá no conxunto do Estado é semellante cando se analizan os indicadores relativos á calidade investigadora. A de Santiago, xunto coa Autónoma de Madrid, son as dúas institucións académicas españolas mellor posicionadas neste eido por diante das de Barcelona, Autónoma de Barcelona, Córdoba, Granada ou Cantabria entre outras. Para este caso concreto, o informe toma en consideración a porcentaxe de profesorado doutor, os sexenios do profesorado, a produción de teses por cada cen doutores, os artigos con referencia ISI e os ingresos xestionados en concepto de I+D por PDI.
Outros dous sectores nos que a Universidade de Santiago de Compostela mantén una moi boa posición é nos relativos á calidade no doutoramento (posto 11) e á calidade docente (15). A Fundación CYD, que durante 2008 celebrou o seu quinto aniversario, pretende co seu informe poñer en valor a contribución das universidades españolas á economía e sociedade españolas.
O documento estrutúrase en seis capítulos, dúas monografías e un anexo. Ademais, como en edicións anteriores inclúe un conxunto de recadros complementando a maioría de capítulos e monografías nos que expresan a súa opinión, de maneira sintética, expertos nacionais e internacionais en materias relacionadas coa temática tratada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2009.