A Universidade de Santiago celebra este venres o Día das Letras Galegas cun acto literario
A Universidade de Santiago celebrará o Día das Letras Galegas este venres 13 cun acto literario que, presidido polo reitor Juan Casares Long, terá lugar a partir das 12:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Asisten ademais o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga, e o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo. Como vén sendo habitual, o Departamento de Filoloxía Galega súmase a esta celebración coa edición dun volume, Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011, que presentará o seu director, o profesor Francisco Cidrás Escaneo. O libro, coordinado por Mª Xesús Nogueira Pereira e Anxo Tarrío e editado polo Servizo de Publicacións da USC, describe ao poeta monfortino como unha figura “directamente relacionada coa cultura underground dos anos 70 e 80”.
A continuación, o catedrático de Filoloxía Galega da USC Anxo Tarrío Varela fará unha semblanza do poeta monfortino.