Ir o contido principal

A Universidade de Santiago, centro de referencia en España do Ano Internacional do Entendemento Global

A Universidade de Santiago, centro de referencia en España do Ano Internacional do Entendemento Global
A Universidade de Santiago, centro de referencia en España do Ano Internacional do Entendemento Global

O grupo de investigación de Análise Territorial (ANTE) adscrito ao IDEGA da USC será o Centro de Acción Rexional en España do Ano Internacional do Entendemento Global (IYGU), impulsado pola UNESCO desde marzo de 2016 e ata inicios de 2017 para xerar ideas e implementar prácticas de accións diarias para a sustentabibilidade global a nivel local.

Así o acordaron este venres o reitor da USC, Juan Viaño, e o profesor da Universidade de Jena (Alemaña) e director do IYGU, Benno Werlen, coa sinatura dun acordo na Facultade de Xeografía e Historia. Ao acto asistiron ademais o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e os responsables do polo, os docentes Rubén Lois e Mª José Piñeira.

“Funcionar como centro español na celebración deste ano implica un reto para a institución e reafirma a súa vontade de vincular a formación e a investigación aos obxectivos de especialización intelixente, sustentabilidade e xustiza social”, dixo o reitor no acto. Viaño agradeceu ademais o traballo de Benno Werlen para crear este concepto de Ano internacional co impulso da Unión Xeográfica Internacional e o apoio de diversas institucións e gobernos de varios países. “Logrou reivindicar o aporte do coñecemento territorial, xeográfico, á comprensión do mundo actual”, rematou.

A continuación tivo lugar unha sesión de presentación dos contidos e actividades do Ano Internacional na que interviñeron Benno Werlen e Rubén Lois, a coordinadora das Escolas UNESCO de Galicia, Luisa Márquez, e catro alumnas do IES Padra da Auga de Ponteareas.

O novo Centro de Acción Rexional instalado nas dependencias do grupo ANTE organizará actividades que reflictan o enfoque ascendente e integrador que caracteriza o proxecto do IYGU. En concreto, o centro compostelán basearase nas forzas das ciencias sociais e naturais así como as humanidades para promocionar métodos culturalmente diferenciados que conduzan cara á sustentabilidade global en e a través da información, a educación e a investigación.

En virtude do acordo asinado, o grupo da USC publicará diariamente no seu web e durante 2016 un exemplo de mellor práctica de acción diaria sustentable.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2016.