Ir o contido principal

A Universidade de Santiago de Compostela constrúe en Seoane a Estación Biolóxica do Courel

A Universidade de Santiago de Compostela construirá de inmediato a Estación Científica do Courel na localidade de Seoane
A Universidade de Santiago de Compostela construirá de inmediato a Estación Científica do Courel na localidade de Seoane

A Universidade de Santiago de Compostela construirá de inmediato a Estación Científica do Courel, na localidade de Seoane, cun orzamento que ronda os 1.300.000 euros grazas ás achegas da Xunta de Galicia. Precisamente este martes o reitor Senén Barro asinou no Colexio de San Xerome un convenio co conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez Fernández, polo que este departamento contribuirá á iniciativa con 300.000 euros.
Pola súa banda, a USC achegará dos seus fondos outros 300.000 euros que se sumarán aos da Consellaría de Innovación e Industria que dirixe o lucense Fernando Blanco, que compromete os restantes 700.000 euros necesarios para acadar o orzamento total. Neste senso, a Universidade valora “moi positivamente” o compromiso da Xunta na construción, posta en marcha e desenvolvemento das capacidades da Estación Científica Biolóxica do Courel, como manifestou esta mañá o reitor.
Rede de Estacións de BiooloxíaBarro lembrou que a USC é a única Universidade española que conta cunha Rede de Estacións de Bioloxía -dependente da Vicerreitoría de Investigación e Innovación- na que se pretende integrar a do Courel, que servirá para levar a cabo actuacións no eido da conservación e desenvolvemento sostible. As que xa están en funcionamento son a Estación de Bioloxía Mariña da Graña (Ferrol), que ten como finalidade fomentar e facilitar a investigación e a docencia na bioloxía mariña e o asesoramento e difusión nos temas relacionados coa fauna e flora mariñas de Galicia; e a de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’, en Vilagarcía (Pontevedra), dedicada ao estudo dos ecosistemas acuáticos continentais.
A Estación de Bioloxía da Montaña do Caurel destinarase a apoiar a investigación e a formación no ámbito do medio ambiente e o desenvolvemento rural sostible e, en particular, con obxectivos que redunden no progreso social e económico da comarca do Courel. Este centro dedicarase tamén á investigación básica nos ámbitos da bioloxía e a ecoloxía, tratando de estimular e favorecer estudos e investigacións sobre a fauna e flora de Galicia, e facilitando aos investigadores todas as súas instalacións e medios dispoñibles para o desenvolvemento de traballos científicos, proxectos de investigación, teses de doutoramento e reunións científicas.
Por outra banda, a nova Estación será tamén un “punto de inflexión” que achegará datos sobre “cal debe ser a actitude do Goberno para protexer unha zona ata agora esquecida e que é unha das principais xoias naturais de Galicia”, explicou o titular de Medio Ambiente. Cos datos na man, explicou, traballarase na “declaración do Courel como Parque Natural”.
Colaboración científica e académicaCando a Estación do Courel sexa unha realidade, a Consellaría de Medio Ambiente e a Universidade, ao amparo do convenio asinado hoxe, organizarán de forma conxunta actividades relacionadas coa promoción social da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e colaborarán na programación dos Cursos de Verán da USC, cando estes sexan de interese para o desenvolvemento e promoción da zona na que se enmarca a Estación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2008.