Ir o contido principal

A Universidade de Santiago de Compostela eloxia a Utopía na presentación do seu Campus da Cidadanía

A Universidade de Santiago de Compostela eloxia a Utopía na presentación do seu Campus da Cidadanía
A Universidade de Santiago de Compostela eloxia a Utopía na presentación do seu Campus da Cidadanía

Conmemorando os cincocentos anos da primeira edición, en Lovaina, da obra Utopía, de Tomás Moro, a Universidade de Santiago de Compostela vén de presentar, tras varios meses de traballo en Comisión, o seu proxecto de Campus da Cidadanía, no que dun xeito preferente e cunha visión inter e transdisciplinar, se integran as diferentes áreas de coñecemento das Ciencias Sociais e Xurídicas, as Artes e as Humanidades dos campus de Compostela e Lugo.

O Campus da Cidadanía leva traballando nos últimos meses en varias liñas de actuación, responsabilidade dunha comisión de coordinación na que se integran 11 académicos de diferentes departamentos, centros e institutos de investigación da USC co obxectivo prioritario de redactar o borrador do seu plan estratéxico para a súa difusión, consulta e mellora ao longo do ano 2017.

Trátase dun campus transdisciplinar que xunta saberes de ámbitos tan diversos como a pedagoxía e as didácticas, a psicoloxía, o dereito, a criminoloxía, a socioloxía, a economía, a empresa, a ciencia política, a filosofía, a antropoloxía e a lóxica, as ciencias da cultura, o xornalismo e a comunicación, a lingüística e a literatura, a historia e a historia da arte, da música e do cine, a xeografía, a arquitectura e o urbanismo.

Nos eidos das Ciencias Sociais, Xurídicas e Humanidades, a USC conta con máis de cen grupos de investigación, dez facultades, unha ducia de centros de investigación e máis dun milleiro de persoas dedicadas ao estudo do ser humano como elemento nuclear da sociedade, o que implica prestar atención a unha gran variedade de aspectos á vez que representa unha oportunidade de desenvolvemento para as cidades de Santiago de Compostela e Lugo.

A utopía no horizonte
Baixo o lema ‘A utopía no horizonte da cidadanía’, a presentación comezou na Facultade de Filosofía cun saúdo de benvida por parte do reitor Juan Viaño, do comisionado da USC para o novo Campus, José Antonio Caride, e do decano da Facultade de Filosofía, José Miguel Sagüillo.

Entre os eixos definitorios da USC, o reitor sinalou na súa intervención a creación dun ecosistema que permita unha relación “moito máis intensa” entre as áreas de coñecemento das ciencias sociais, ciencias xurídicas e as humanidades “para lograr que os nosos e as nosas estudantes poidan recibir unha formación máis integral e multidisciplinar”. “A ese ecosistema chamámoslle Campus da Cidadanía, que xunto con Campus Vida e Campus Terra aspira a ser o terceiro dos campus especializados de excelencia da Universidade de Santiago de Compostela”, dixo.

Logo da explicación do proxecto, tivo lugar unha conversa-coloquio sobre as utopías, celebrando a primeira edición desa obra en 1516 e tomando como pretexto a editada en galego en 2011 polo Servizo de Publicacións e Intercambio científico da USC en colaboración coa Fundación BBVA na colección ‘Clásicos do Pensamento Universal’ (nº 17, dirixida por Dario Villanueva). A sesión moderouna o profesor Juan M. Monterroso e nela interviñeron o director do citado Servizo, Juan L. Blanco Valdés; o autor do prólogo á obra en galego, Andrés Torres Queiruga; a tradutora da obra ao galego, Helena de Carlos Villamarín; a profesora da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo Carmen Blanco García; e o catedrático de Historia da Educación Antón Costa Rico.

A presentación rematou cunha pequena interpretación musical de pezas alusivas á utopía a cargo de Gonzalo Muiños (violín), Sabela Rodríguez (viola), Manuel Fernández (violoncello) e Ángel Vidal (contrabaixo), baixo a dirección de Mario Diz, e a inauguración dunha exposición sobre a “ utopía” nos fondos documentais da USC, en colaboración coa Biblioteca Xeral, que estará aberta ao público nos baixos da Facultade de Filosofía ata o 16 de decembro. Nesta apertura participaron a directora da Biblioteca da USC, María Isabel Casal Reyes, e a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, María Dolores Álvarez Pérez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2016.