Ir o contido principal

A Universidade de Santiago conversa con Paz-Andrade e Otero Pedrayo no Día das Letras Galegas

Presentouse o volume  (Foto: Santi Alvite)
Presentouse o volume (Foto: Santi Alvite)
Editou para a ocasión un volume que recolle unha escolma da correspondencia durante medio século entre os dous escritores

Como vén sendo habitual, a Universidade de Santiago de Compostela adiantouse unha xornada á celebración do Día das Letras Galegas, este ano dedicadas a Valentín Paz-Andrade. O acto literario tivo lugar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e a el asistiron numerosas personalidades da vida cultural e académica da cidade. Xunto ao reitor Juan Casares e ao presidente do Consello Social, Manuel Puga, reuníronse en Fonseca, entre outros, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, ou o ex presidente Gerardo Fernández Albor ademais de membros do equipo de dirección da USC, responsables dos equipos decanais de numerosos centros así como docentes e estudantes. A Universidade de Santiago editou para a ocasión o volume Lume de vidas. Valentín Paz-Andrade - Ramón Otero Pedrayo: un dialogo epistolar (1925-1976), coordinado polo profesor Henrique Monteagudo e por Denis Vicente, que se encargou de presentar o director do departamento de Filoloxía Galega da USC, Francisco Cidrás. O libro recolle unha escolma da correspondencia rescatada entre os dous escritores, un total de 86 epístolas que descobren un amplo treito das súas traxectorias vitais, fortemente entroncadas coa realidade histórica e cultural da época. A continuación, o profesor Monteagudo pronunciou unha conferencia na que desgranou os detalles da relación entre os dous persoeiros galegos á vista das cartas recollidas no volume. O relatorio acompañouno Denis Vicente coa lectura de diferentes pasaxes da obra de Paz-Andrade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2012.