A Universidade de Santiago coordina un proxecto para editar todas as obras teatrais de Calderón de la Barca

O Grupo Calderón de la Barca da USC, dirixido polo profesor Luis Iglesias Feijoo, está a coordinar un proxecto que editará todas as obras teatrais do autor español con excepción dos autos sacramentais, tarefa esta última encomendada a outro grupo de investigación. Na actualidade non existe no mercado do libro ningunha colección das obras dun dos máis importantes dramaturgos do século XVII español. A colección forma parte da Biblioteca Castro que edita dende 1993 a Fundación José Antonio de Castro en Madrid e que ata o de agora ten publicados 160 tomos de obra de escritores españois.
Os dous primeiros volumes, as Partes I e III das Comedias, presentáronse este xoves no Colexio de San Xerome nun acto no que participaron o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o director literario da Biblioteca Castro, Darío Villanueva Prieto; e os coordinadores dos volumes I e III, os profesores Luis Iglesias Feijoo e Don Cruickshank, este último da Universidade de Dublin, respectivamente.
Trátase dun proxecto moi dilatado no tempo –estará concluído en aproximadamente catro anos- que vén a salvar un baleiro literario “que non debera existir nunha cultura desenvolvida”, apuntou o profesor Iglesias Feijoo, para quen o teatro de Calderón debera ser “máis e mellor coñecido”. Neste senso, Darío Villanueva cualificou a iniciativa coma “a máis ambiciosa da Biblioteca Castro xunto coa Crónica General de Alfonso X el Sabio”.
Os volumes editadosNo primeiro tomo da colección, o correspondente á Primera Parte de las Comedias, recóllense as obras La vida es sueño, Casa con dos puertas, El purgatorio de San Patricio, La gran Cenobia, La devoción de la Cruz, La puente de Mantible, Saber del mal y el bien, Lances de amor y fortuna, La dama duende, Peor está que estaba, El sitio de Bredá e El príncipe constante.O terceiro tomo, o da Tercera Parte de las Comedias de Calderón de la Barca, inclúe En la vida todo es verdad y todo mentira; El maestro de danzar; Mañanas de abril y mayo; Los hijos de la Fortuna, Teágenes y Cariclea; Afectos de odio y amor; La hija del aire, Primera Parte; La hija del aire, Segunda Parte; Ni Amor se libra de amor; El laurel de Apolo; La púrpura de la rosa; La fiera, el rayo y la piedra; e También hay duelo en las damas.
A colecciónO propósito da colección, que constará de once volumes, é editar os tomos seguindo a pauta do que se fixo en vida do autor, respectando o contido das Partes de Comedias que se publicaron nos seus días. Deste xeito mantense a configuración de doce obras por cada volume, o que supón unha extensión superior ás 1.200 páxinas cada un.
Non obstante, aclara o profesor Feijoo, o texto das obras “non se limita a reproducir o dos tomos editados no século XVII” senón que se revisou cada obra confrontándoa coa de ducias de manuscritos e outros impresos antigos “para dar unha mellor lectura de obras tan coñecidas como La vida es sueño, El príncipe constante ou La dama duende”. Deste xeito, “agora cabe ler por vez primeira a mellor versión posible das 24 comedias que se inclúen nestes dous volumes”, que serán seguidos doutros nove, a un ritmo de dous por ano.
O proxectoCoa axuda do Ministerio de Educación e Ciencia e as Consellarías de Educación e Industria da Xunta, o proxecto coordínase dende a USC, onde o Grupo Calderón de la Barca conta con varios investigadores, entre eles o profesor Santiago Fernández Mosquera, responsable do Tomo II xa entregado á imprenta. Cóntase ademais coa colaboración doutros profesores de Universidades españolas e estranxeiras, máximos especialistas na obra do dramaturgo, como Sebastian Neumeister, da Universidade de Berlin; José María Ruano de la Haza, da Universidade de Ottawa en Canadá; Germán Vega, da de Universidad de Valladolid; Ignacio Arellano, de Navarra; ou Agustín de la Granja, da Universidade de Granada.
A contribución da Universidade de Santiago ás diversas empresas da Biblioteca Castro non queda só no proxecto de Calderón de la Barca, senón que xa colaborou tamén na edición da obra de Pardo Bazán e Pérez de Ayala, e neste momento preparan a de Quevedo.