Ir o contido principal

A Universidade de Santiago crea a súa sede electrónica

O Consello de Goberno aprobou o regulamento para a implantación de medios electrónicos que facilitan o acceso da cidadanía aos servizos públicos da USC

O Consello de Goberno da USC aprobou este mércores a creación do regulamento polo que se crea a sede electrónica da institución compostelá e se implantan medios electrónicos que facilitan o acceso da cidadanía aos servizos públicos da USC. Coa sede electrónica, que a Universidade de Santiago pretende poñer en marcha no primeiro trimestre, facilitarase o acceso aos seus servizos á vez que se crea un espazo de relación coa cidadanía no marco dunha xestión administrativa coas garantías necesarias, diferenciando o portal propio de información e comunicación (www.usc.es) do que establece un marco de interacción en relación cos servizos electrónicos prestados pola Universidade.

Realizaranse a través da sede todas as actuacións, procedementos e servizos que requiran a autenticación das persoas así como aqueloutras nas que se decida a súa inclusión por razóns de eficacia e calidade na prestación do servizo.

Plataforma de citometría

Do mesmo xeito, na xuntanza aprobouse a creación dunha Plataforma de Citometría que cubrirá así o baleiro tecnolóxico existente en Galicia. Con ela ofertarase un servizo de apoio científico-tecnolóxico aos grupos de investigación demandantes das diversas técnicas da citometría de fluxo dende hai máis de 15 anos a través da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) da USC.

Entre outras moitas, a citometría de fluxo ten aplicacións para a detección e cuantificación de antíxenos, que permiten a identificación e clasificación de diferentes células tanto normais como patolóxicas. Serve ademais para a detección de inmunoglobulinas humanas en enfermidades autoinmunes, a realización do test cruzado linfocitario para demostrar antes do transplante a probabilidade de rexeitamento, o recoñecemento de células nai e a cuantificación de ADN e ARN, que contribúe á valoración e prognóstico de tumores.

Outros asuntos

Con respecto á Planificación Académica Anual –instrumento que permite formular a oferta académica das titulacións oficiais– o Consello de Goberno decidiu manter para o curso 2013-2014 os criterios deste ano e continuar coa rolda de negociacións e acordos para establecer os novos parámetros que rexan a partir do 2014-2015.

Aprobouse tamén na xuntanza o nomeamento como profesores ad honorem de Jesús Devesa Múgica, do Departamento de Fisioloxía; e José Luís Couceiro Pérez, Ramón Lorenzo Vázquez e Antonio Luís Santamarina Fernández, do Instituto da Lingua Galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.01.2013.