A Universidade de Santiago imporalle a súa Medalla de Ouro á Deputación da Coruña
A Universidade de Santiago de Compostela imporalle a súa Medalla de Ouro á Deputación Provincial da Coruña no transcurso dun acto protocolario que se celebrará este venres 11 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 13:00 horas. Intervirán en representación de ambas as dúas institucións o reitor compostelán Senén Barro e o presidente do organismo provincial Salvador Fernández Moreda.
Co outorgamento da súa Medalla, máxima distinción da institución académica, a USC quere subliñar a intensa colaboración mantida de forma continuada coa Deputación da Coruña e a súa “extraordinaria contribución” ao sostemento e cumprimento dos fins da Universidade compostelá.