A Universidade de Santiago impúxolle a súa Medalla de Ouro á Deputación da Coruña
A Universidade de Santiago de Compostela impúxolle a súa Medalla de Ouro á Deputación Provincial da Coruña no transcurso dun acto protocolario celebrado este venres 11 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Interviñeron en representación de ambas as dúas institucións o reitor compostelán Senén Barro e o presidente do organismo provincial Salvador Fernández Moreda, xuntos aos que tamén estiveron presentes o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ou o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira.
Logo dunha reflexión sobre o papel estratéxico do coñecemento e sobre a íntima relación entre benestar económico-social e capital humano, Salvador Fernández Moreda lembrou que “producir coñecemento é unha actividade cada día máis custosa, que alguén ten que financiar”.
“Dotar dun modelo estable de financiamento ás universidades galegas é pois unha necesidade urxente”, afirmou Fernández Moreda, “un modelo no que quizais non deba primar o peso do alumno tanto como agora, e si máis a calidade da docencia, a importancia da investigación e a transferencia de coñecemento á sociedade”.
Sen esquecer o esforzo da sociedade galega neste senso, o que permite afirmar “que Galicia dispón da xeración de mozos e mozas mellor preparada da súa historia”, o presidente da Deputación destacou que “seguimos lonxe dos valores que rexistran as sociedades máis modernas e avanzadas” en materia de financiamento universitario.
Pola súa banda, Senén Barro incidiu neste acto na importancia que ten “normalizar a relación entre a universidade pública e os distintos organismos e institucións públicas e privadas”. É, indicou Barro, “unha relación que permite incidir dun modo máis intenso e eficaz na educación superior, a investigación, a cultura, o emprendemento, o desenvolvemento económico responsable, ou o compromiso social”. Apelou o reitor a que se perciban as universidades públicas “non como institucións mendicantes” senón como “instrumentos que revalorizan os recursos nelas investidos”.
Barro, para quen “as universidades ou somos para a sociedade ou non somos nada”, agradeceu a colaboración e apoio da Deputación da Coruña, “unha institución que nos respecta e nos quere” e que entende á USC como “un instrumento indispensable para atender mellor a súa propia responsabilidade coa cidadanía”.
Co outorgamento da súa Medalla, máxima distinción da institución académica, a USC quere subliñar a intensa colaboración mantida de forma continuada coa Deputación da Coruña e a súa “extraordinaria contribución” ao sostemento e cumprimento dos fins da Universidade compostelá. Neste senso destaca o constante apoio da entidade provincial á organización de actividades culturais, incluíndo exposición, ciclos de música de cámara, a organización dos cursos de verán celebrados na provincia, a edición de publicacións ou a actividade do Coro Universitario e da Aula de Teatro.
Tamén é subliñable o apoio prestado no capítulo de infraestruturas, participando no financiamento do edificio Emprendia –unha das primeiras intervencións de Campus Vida- ou na reforma da piscina universitaria e do Auditorio Universitario, entre outros.