A Universidade de Santiago inviste doutor honoris causa a Antonio Bonet Correa
A Universidade de Santiago de Compostela investirá este luns 15 doutor honoris causa ao historiador da arte Antonio Bonet Correa, director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Presidido polo reitor Juan Casares Long, o acto académico terá lugar ás 12.30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). Intervirá como padriño o catedrático de Historia da Arte da USC Alfredo Vigo Trasancos . Proposta unánime A proposta deste doutoramento ao profesor Bonet (A Coruña, 1925) xurdiu do Departamento de Historia da Arte da USC, universidade na que nos anos 40 cursou os estudos de Filosofía e Letras na sección de Historia e na que logo impartiu clases de historia da arte como profesor axudante. A comezos dos anos 50 marchou a Francia para continuar alí a súa formación en prestixiosas institucións académicas e volveu a España, concretamente a Madrid, para doutorarse en 1957 cunha tese sobre a arquitectura galega durante o século XVII, merecedora do Premio Nacional Marcelino Menéndez Pelayo e que se converteu nunha obra culminante clave no estudo dese período. A súa carreira académica pasou despois por Murcia, Sevilla e Estrasburgo e rematou como catedrático emérito da Complutense. En 2012 o Ministerio de Educación e Cultura concedeulle a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes.