Ir o contido principal

A Universidade de Santiago inviste doutor honoris causa ao xurista Luis Díez-Picazo y Ponce de León

Está considerado como un dos máximos e insignes xuristas do século XX e do que vai do XXI

A Universidade de Santiago de Compostela investirá este venres 25 doutor honoris causa ao xurista Luis Díez-Picazo y Ponce de León. Presidido polo reitor Juan Casares Long, o acto académico terá lugar ás 12.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e como madriña intervirá a catedrática de Dereito Civil María Paz García Rubio . Proposta A proposta deste doutoramento xurdiu do Departamento de Dereito Común en favor “dun xurista integral” e “un dos máximos e insignes xuristas do século XX e do que vai do XXI”. Na concesión deste recoñecemento académico, o Departamento apelou á vinculación de Díez-Picazo y Ponce de León coa Universidade de Santiago, da que foi catedrático de Dereito Civil no curso 63/64, así como por determinados trazos da súa personalidade, xa que como investigador no campo do Dereito Civil está considerado como o autor da posta ao día do Dereito Civil en España. As súas obras, e de xeito especial os Fundamentos de Derecho Civil Patrimonial, constitúen en opinión dos expertos neste eido a obra cimeira da civilística española dos últimos cincuenta anos e propiciaron a creación na doutrina e xurisprudencia española dun Dereito Civil moderno e equiparable aos dos mellores autores coetáneos europeos. Destaca igualmente a súa preocupación práctica, con estudos do máximo nivel sobre a xurisprudencia, así como a súa permanente modernidade abordando os temas máis actuais e controvertidos, entre eles a súa preocupación polo Dereito europeo de contratos ou a modernización da lexislacións española en materia de obrigas e contratos, entre outros.

O da Universidade de Santiago sumarase ao doutoramentos honoris causa concedidos previamente polas universidades de Valencia, Carlos III, Málaga e Valparaiso (Chile). Conselleiro de Estado, foi xuíz de Primeira Instancia e Instrución, catedrático das universidades de Valencia e Autónoma de Madrid, presidente da Sección Primeira de Dereito Civil da Comisión Xeral de Codificación do Ministerio de Xustiza, maxistrado do Tribunal Constitucional ou autor de numerosos libros e máis de cen artigos en revistas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2013.