A Universidade de Santiago lembra ao catedrático José Manuel Lete del Río
O Departamento de Dereito Común da Universidade de Santiago de Compostela organiza este venres, día 5, unha homenaxe póstuma ao catedrático de Dereito Civil José Manuel Lete del Río, finado o pasado mes de abril en accidente de tráfico. O acto académico in memoriam desenvolverase no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) a partir das 12:00 horas presidido polo reitor compostelán, Senén Barro Ameneiro, a quen lle acompañará o decano en funcións da Facultade de Dereito, Julio Jorge Urbina.
As intervencións que se sucederán ao longo de todo o acto lembrarán a figura humana e académica do profesor Lete. Así, Xavier O’Callaghan fará memoria, dende a amizade que lles unía, da súa traxectoria como catedrático. A súa etapa vallisoletana e a chegada a Santiago centrará a charla de Teodora Torres, que dará paso á intervención do profesor Javier D’Ors que explicará a súa estadía na Universidade compostelá. Pecharán o acto Mercedes Bermejo e Isabel Espín, que homenaxearán a figura docente do catedrático. O acto estará amenizado por interpretacións de tiorba de pezas de Girolamo Kapsberger e Robert de Visée a cargo de Fernando Reyes Ferrón.
O catedrático Manuel Lete del Río comezou a súa traxectoria profesional na Universidade de Valladolid, onde foi profesor antes de trasladarse a Santiago. Ademais de escribir numerosos tratados sobre Dereito Civil, dirixiu o Departamento de Dereito Común e ocupou diversos cargos de responsabilidade na Universidade de Santiago. O profesor Lete del Río gozaba dun gran recoñecemento internacional no eido do Dereito Civil.