Ir o contido principal

A Universidade de Santiago lembrou nunha emotiva homenaxe ao catedrático José Manuel Lete del Río

O Departamento de Dereito Común da Universidade de Santiago de Compostela lembrou este venres nunha homenaxe póstuma ao catedrático de Dereito Civil José Manuel Lete del Río, finado o pasado mes de abril en accidente de tráfico. Ao acto académico in memoriam celebrado no Paraninfo da Universidade e presidido polo reitor Senén Barro asistiu a maior parte do claustro docente da Facultade de Dereito así como doutros centros da USC, especialmente de Medicina. Estiveron tamén presentes a súa viúva, Pilar Achirica, e dous dos cinco fillos do catedrático, Javier e Ignacio Lete.
As emotivas intervencións que se sucederon ao longo de todo o acto lembraron a figura humana e académica do profesor Lete. Xavier O’Callaghan fixo memoria, dende a amizade que lles unía, da súa traxectoria como catedrático. A súa etapa vallisoletana e a chegada a Santiago centrou a charla da catedrática da Universidade de Valladolid, Teodora Torres, que deu paso á intervención do profesor Javier D’Ors que explicou a súa estadía na Universidade compostelá. Pecharon o acto as profesoras Mercedes Bermejo e Isabel Espín, que homenaxearon a figura docente do catedrático. O acto estivo amenizado por interpretacións de tiorba de pezas de Girolamo Kapsberger e Robert de Visée a cargo de Fernando Reyes Ferrón.
O catedrático Manuel Lete del Río comezou a súa traxectoria profesional na Universidade de Valladolid, onde foi profesor antes de trasladarse a Santiago. Ademais de escribir numerosos tratados sobre Dereito Civil, dirixiu o Departamento de Dereito Común e ocupou diversos cargos de responsabilidade na Universidade de Santiago. O profesor Lete del Río gozaba dun gran recoñecemento internacional no eido do Dereito Civil.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2007.