Ir o contido principal

A Universidade de Santiago, líder en estudantado voluntario

O perfil maioritario é a de mulleres estudantes, que dedican entre dúas e catro horas semanais a estas iniciativas. Foto: Santi Alvite
O perfil maioritario é a de mulleres estudantes, que dedican entre dúas e catro horas semanais a estas iniciativas. Foto: Santi Alvite
Rexistra un crecemento do 56% en participación estudantil en voluntariado, segundo o estudo sobre a situación do voluntariado universitario da Fundación Mutua Madrileña
Lugo, Santiago de Compostela

Cunha participación de 4.917 estudantes en proxectos solidarios no curso 2024-2025, un 56% máis que o anterior, a USC consolida o seu liderado en voluntariado universitario en España, segundo o XIII Estudo sobre Voluntariado Universitario impulsado pola Fundación Mutua Madrileña no marco dos seus XIII Premios ao Voluntariado Universitario. O perfil corresponde, maioritariamente, a estudantes procedentes da área de Ciencias Sociais e Xurídicas.

O notable incremento de voluntarios e voluntarias concentrouse en 192 proxectos, a maior parte deles desenvolvidos durante un período que oscila entre os 3 e os 6 meses, realizados integramente en España e centrados en axudar a infancia vulnerable e os colectivos en risco de exclusión social.

Do conxunto dos proxectos nos que participa a Universidade de Santiago, un 95% levouse a cabo en colaboración con entidades sociais, o que pon de relevo o papel estratéxico das entidades sen ánimo de lucro na involucración solidaria da xuventude española.

Gran actividade de voluntariado universitario

Esta dinámica replícase tamén no conxunto das universidades españolas, que teñen consolidado o seu rol como impulsoras do voluntariado e do cambio social. Durante o curso 2024-2025, seis de cada dez incrementaron as súas accións ata alcanzar as 2.900 iniciativas e delas, un 73% fanse da man dunha ONG, unha cooperación que amplía o impacto das iniciativas e xera beneficios tanto para o estudantado como para as organizacións e a sociedade no seu conxunto.

O estudo, no que participaron 42 universidades, públicas e privadas, e 107 entidades sen ánimo de lucro, tamén radiografía o perfil deste voluntariado universitario. O 75% son mulleres, dedican entre dúas e catro horas semanais a estas iniciativas e fano motivadas tanto polo seu compromiso con causas concretas como polo valor que achega ao seu desenvolvemento profesional. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.10.2025.