Ir o contido principal

A Universidade de Santiago lidera o proxecto de cooperación transfronteiriza VT para o impulso da transferencia tecnolóxica entre universidade e empresa

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca foi o escenario onde se celebrou a xornada de presentación. Foto Alfonso
O Salón Nobre do Colexio de Fonseca foi o escenario onde se celebrou a xornada de presentación. Foto Alfonso
Este proxecto de apoio á transferencia de tecnoloxía na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal será obxecto dunhas xornadas de presentación este mércores 15 en Fonseca

A Universidade de Santiago de Compostela lidera a través da súa Unidade de Valorización e Transferencia o proxecto europeo VT (Vehículos de Transferencia), orientado a impulsar a transferencia de tecnoloxía entre a universidade e o sector empresarial na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través da creación de novos vehículos de transferencia e a consolidación dos xa existentes. O proxecto presentouse este mércores 15 en Santiago de Compostela no transcurso dunha xornada que se desenvolveu baixo o lema ‘Deseño, consolidación e mellora de vehículos de transferencia de tecnoloxía na eurorrexión’. Á inauguración no Salón Nobre do Colexio de Fonseca asistiron o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil Rego, e o director xeral de Planificación e Fondos da Xunta de Galicia, Francisco Javier Rodríguez Seijo. Apoiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP), o proxecto desenvolverase no período 2011 e 2012, contando cun orzamento de 1.120.906,56 €, cofinanciado pola Unión Europea nun 75% do importe. Na presentación do proxecto VT incluíronse, entre outros, un relatorio por parte da Oficina Europea de Patentes que abordou o emprego de patentes como factor crítico nos procesos de transferencia. Tamén se celebraron relatorios sobre a perspectiva galega e do norte de Portugal no apoio á transferencia de tecnoloxía e á cooperación. O encontro incluía unha mesa redonda denominada ‘Vehículos e actores no proceso de transferencia’, na que participaron as entidades socias do proxecto VT como son a propia USC a través da Unidade de Valorización e Transferencia, a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a Associação Universidade Empresa para o Desenvolvemento – TecMinho e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo. Trátase dunha xornada dirixida ao conxunto da comunidade investigadora así como a pequenas e medianas empresas interesadas en procesos de innovación, persoal técnico de organismos de transferencia de tecnoloxía e emprendimento e a calquera outra persoa interesada na materia. No seu período de vixencia, o proxecto VT desenvolverá distintas accións orientadas a garantir que un resultado de investigación con potencial acabe chegando á sociedade. Entre estas actividades destacan a elaboración de carteiras de patentes, apoio á redacción de plans de negocio, titorización de empresas para a incorporación da innovación ao seu proceso produtivo e itinerarios formativos especializados tanto para persoas emprendedoras como para persoal técnico de organismos intermedios. Con estas accións, o proxecto busca acadar un incremento da competitividade dos sectores estratéxicos da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, unha maior rendibilidade da inversión pública en I+D+i e a creación de emprego asociado á transferencia de coñecemento tanto en empresas consolidadas como de nova creación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2011.