A Universidade de Santiago participa no proxecto europeo DiadSea, que analiza o futuro dos peixes migradores na Área Atlántica
Os peixes diádromos son especies únicas que migran entre ambientes de auga doce e salgada ao longo do seu complexo ciclo vital, o cal dificulta especialmente a súa xestión e protección, sobre todo ante o cambio climático e dado o descoñecemento que existe actualmente sobre a fase mariña do ciclo vital de moitas delas. Para mellorar a xestión sostible e a conservación destes peixes no hábitat mariño no Espazo Atlántico xurde o proxecto europeo DiadSea, no que participa a Universidade de Santiago.
Financiado con 3,35 millóns de euros pola Comisión Europea e cunha duración de tres anos, DiadSea pretende mellorar a xestión e conservación destas especies no Espazo Atlántico. A súa reunión de lanzamento oficial tivo lugar en Rennes (Francia), no que supuxo un primeiro contacto en persoa entre todos os socios e a presentación do proxecto aos asociados (autoridades lexislativas, asociación de pescadores, empresas, ONGs e asociacións culturais) ademais de compartir os coñecementos técnicos dos membros socios, presentar as súas achegas ao proxecto e planificar futuras actividades.
En concreto, os estudos de DiadSea centraranse no salmón atlántico, a lamprea mariña, a anguía, a zamborca, a saboga, o muxo de beizos finos e a solla. Os obxectivos son identificar e completar as lagoas de coñecemento existentes para estas especies sobre o hábitat mariño ou os cambios na área de distribución debidos a cambios climáticos e oceanográficos, e desenvolver solucións cooperativas innovadoras para a súa protección no hábitat mariño e, posteriormente, no hábitat de auga doce.
Mediante o cartografado da súa distribución no mar, identificando zonas importantes para elas, este proxecto de investigación aplicará os últimos modelos oceánicos e climáticos para predicir o futuro destas poboacións e crear así un observatorio de peixes diádromos a grande escala no que participen tamén os socios asociados dos diferentes países e, no futuro, outras organizacións cos mesmos obxectivos de conservación.
Deste xeito, DiadSea esfórzase non só por garantir un medio mariño san, senón tamén por promover beneficios económicos e culturais para as comunidades locais mediante o intercambio de coñecementos e a mellora potencial dos instrumentos políticos e as administracións públicas que propón o programa Interreg Espazo Atlántico promovido pola Unión Europea.
Para os investigadores da USC, “reunir nun mesmo proxecto socios dos distintos países nos que se dan estas especies é esencial para realizar unha xestión coordinada e para compartir experiencias na zona atlántica”. Ademais, a participación de asociacións pesqueiras, axencias gubernamentais, ONG e outros socios implicados na xestión destas especies é “crucial” para a súa conservación a longo prazo.
O consorcio
O consorcio do proxecto está formado por 9 socios beneficiarios e 28 asociados de 4 países europeos (Portugal, Francia, España e Irlanda) e está coordinado pola Universidade portuguesa de Évora. Na USC, o proxecto está liderado polo equipo de investigación do profesor Fernando Cobo, e entre o resto de socios beneficiarios hai universidades, centros de investigación e institutos públicos. DiadSea conta ademais coa participación de 27 entidades colaboradoras, entre as que figuran a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
Sobre Interreg Atlantic Area
Interreg Espazo Atlántico 2021-2027 apoia a cooperación transnacional nas rexións atlánticas de catro países: Portugal, España, Francia e Irlanda. Neste novo programa renóvase o compromiso coas rexións atlánticas no apoio a iniciativas innovadoras que contribúan ao crecemento deste espazo, resolvendo retos comúns transfronterizos a través da implementación de accións conxuntas, intercambio de boas prácticas e contribución a políticas novas ou actuais. O orzamento do programa para 2021-2027 é de 113 millóns de euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).