A Universidade de Santiago, premio de Expourense á calidade en educación

A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da Universidade de Santiago, Benita Silva, recolleu este xoves o Premio Líder en Educación que outorga Expourense en recoñecemento ao compromiso da institución compostelá coa calidade. A entidade ourensá premia deste xeito o esforzo en materia de calidade e excelencia da USC, que ten certificados todos os procesos administrativos e de xestión aplicables a estudantes e usuarios e posúe trescentos grupos de investigación, varios deles de referencia internacional, ao que hai que sumarlle a recente cualificación como Campus de Excelencia Internacional de Referencia Global. No acto de entrega Benita Silva explicou que a USC, que conta cunha xestión profesionalizada da calidade, foi a primeira universidade española en elaborar un Plan de Responsabilidade Social. Nesta primeira edición dos premios, cuxa entrega tivo lugar na cidade das Burgas no seno da ‘ Xornada de exaltación da calidade’, foron tamén recoñecidas con galardóns noutras categorías Coren, o Hospital Comarcal do Barbanza, Industrias Proa, Ingapan e Molduras do Noroeste.