A Universidade de Santiago prevé reducir este ano as súas emisións de CO2 en 172 toneladas
A Universidade de Santiago de Compostela, conforme aos obxectivos do seu Plan de Desenvolvemento Sostible, está a desenvolver diferentes actuacións encamiñadas a reducir as emisións de CO2 asociadas á súa actividade. Destaca o Plan de Optimización Enerxética que supuxo a instalación de 11 motores de coxeración, responsables de que en 2007 o 29% da enerxía consumida fose producida na propia USC.
De especial relevancia son as accións emprendidas en relación ás infraestruturas enerxéticas desenvolvidas en 2008 pola USC coa subvención do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). En concreto, a Vicerreitoría de Infraestruturas executou ese ano o sombreado da Escola Técnica Superior de Enxeñería, a instalación de alumeado intelixente na Residencia Universitaria Monte da Condesa e dun toldo-persiana na Piscina Universitaria e o cambio da caldeira de calefacción no Pazo de San Xerome. En conxunto, estas catro actuacións supuxeron unha diminución das emisións de CO2 de 51 toneladas de CO2.
Xa en 2009 vaise aumentar o alcance dalgunha das actuacións anteriores, como a ampliación do alumeado intelixente na Residencia Universitaria Monte da Condesa, e desenvolver outras novas grazas a subvencións do Inega como a instalación fotovoltaica da Facultade de Física, o cambio de caldeira en Ciencias da Educación e Psicoloxía ou a substitución dos cerramentos exteriores en Ciencias Políticas e Sociais e na Escola Universitaria de Relacións Laborais. Outras accións como a substitución dos cerramentos exteriores da Facultade de Dereito e a mellora do sistema de alumeado interior e de distribución da carga térmica realízanse a través de convenios coa Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
Todas estas melloras evitarán a emisión de 142 toneladas de CO2 á atmosfera durante 2009 e contribuirán a diminuír o impacto ambiental asociado ás actividades universitarias.
Préstamo de bicisOutra iniciativa que contribúe a reducir ás emisións de CO2 é o programa de préstamo de bicicletas posto en marcha pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC que en 2008 permitiu a redución de 20 toneladas de CO2, valor que se prevé este ano aumentará a 30 toneladas.