A Universidade de Santiago prorroga os orzamentos deste ano para 2012

A Universidade de Santiago de Compostela prorrogará os orzamentos do presente ano 2011 para o exercicio de 2012, logo de que no Claustro universitario deste mércores prosperase -por 99 votos fronte a 81 e 9 en branco, na primeira vez que se realiza por procedemento electrónico- a votación unitaria de catro emendas que propoñían retirar as Liñas Xerais dos Orzamentos. As liñas que presentaba o equipo reitoral contemplaban unha redución do 2,63 por cento do orzamento en relación a 2011, diminución que se produce non só pola conxelación do Plan de Financiamento para 2012 e a redución da recadación por taxas, senón tamén pola propia situación económica arrastrada dende hai anos. Esta redución suporía unhas contas para a institución en 2012 de 222.818.960 de euros. Programación plurianual De igual xeito, por 100 votos fronte a 77 de apoio ao texto orixinal presentado e 13 en branco, o mesmo órgano de goberno aprobou outra tripla emenda á totalidade que supón a retirada da programación plurianual para o período 2011-2014. Estas liñas deberán ser reelaboradas e presentadas noutro claustro universitario na busca, segundo o reitor, "do máximo consenso posible".