Ir o contido principal

A Universidade de Santiago recolleu en Almería o premio á mellor colección de 2010 por Clásicos do Pensamento Universal

A Universidade de Santiago recolleu en Almería o premio á mellor colección de 2010 por Clásicos do Pensamento Universal
A Universidade de Santiago recolleu en Almería o premio á mellor colección de 2010 por Clásicos do Pensamento Universal
A Real Academia Galega ingresa na Unión de Editoriais Universitarias a instancias da USC

O director do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago, Juan Blanco Valdés, recolleu este xoves en Almería, de mans do presidente da Unión de Editoriais Universitarias (UNE), Francisco Fernández Beltrán, o premio á mellor colección de 2010 por Clásicos do Pensamento Universal da que o xurado destacou “a coidada edición e a proxección social e valor cultural que supón verter as obras do pensamento universal á lingua galega”. No acto de entrega dos XIV Premios Nacionais de Edición Universitaria, organizado no transcurso da XXX Asemblea Xeral da UNE, Juan Blanco destacou o papel do director da colección gañadora, Darío Villanueva, o “xeneroso mecenado” da Fundación BBVA e o “alto nivel de compromiso” e rigor científico de cada un dos prologuistas e tradutores de todos os volumes. Xunto á da USC, outras oito obras universitarias recibiron este ano o recoñecemento en diversas categorías que os acreditan entre as máis de cen obras presentadas como os mellores libros universitarios do ano. Ingreso da RAG A Real Academia Galega (RAG) ingresou este venres na Unión de Editoriais Universitarias tras a proposta promovida dende o Servizo de Publicacións da USC, membro fundador da UNE. Para estes efectos nos días pasados Juan Blanco mantivo distintas conversas tanto co presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, como co secretario da institución, Xosé Axeitos, de cara a ultimar o procedemento de ingreso. Consonte os estatutos da UNE, non só as universidades poden ser membros efectivos senón aqueloutros “organismos públicos de investigación que dispoñan de servizo de publicacións e/ou editorial e as institucións públicas vinculadas co mundo editorial universitario”. Neste senso, a Academia galega mantén unha incesante e activa acción editorial dende os seus propios inicios -o seu Boletín publícase dende 1906- alén de infinidade de monografías, dicionarios ou libros institucionais.

Con esta nova incorporación a presenza galega na UNE é moi notable sendo xa seis as institucións con actividade editorial científico técnica que fan parte dela: ademais das tres universidades, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Barrié e agora a RAG.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2011.