Ir o contido principal

A Universidade de Santiago súmase á celebración do Día Internacional da Danza con actos en Lugo e Compostela

A compañía danzaUSClugo presenta o venres ‘5 elementos’ no auditorio Gustavo Freire e o grupo compostelán levará o domingo 28 ‘Comunicando’ ao CGAC

As compañías integradas no Espazo de Danza da Universidade de Santiago de Compostela, que dirixe Juan Carlos Zahera, súmanse á celebración do Día Internacional da Danza, unha efeméride que se conmemora o 29 de abril, tal e como proclamou a Unesco en 1982, con cadansúa representación nas cidades de Lugo e de Santiago de Compostela.

A compañía danzaUSClugo, dirixida por Juan Carlos Zahera, representará este venres, día 26 de abril, a partir das 20.00 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo, a montaxe ‘5 elementos’, unha peza artística con coreografía de Rosa Acuña e edición musical de Miguel Basanta. Esta actuación dos compoñentes da compañía de danzaUSClugo encádrase no marco da Semana da Danza e do II Encontro de Danza de Galicia, organizados polo Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. Nesta representación, os compoñentes da compañía universitaria luguesa só representará tres dos cinco elementos que inclúe a montaxe: Terra, auga e lume. O Espazo de Danza da USC tamén volverá a ser protagonista o vindeiro domingo en Santiago, onde a compañía de danzaUSCompostela presentará, a partir das 13.00 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea a obra ‘Comunicando’.

Esta proposta artística, con coreografía de Nuria Sotelo e que terá como intérpretes a Raúl Asensi, Aida Fernández, Ipek Guler e Isabel Sánchez, quere pór de relevo o paradoxo existente na comunicación entre persoas no actual contexto de hipercoñexión virtual e trata sobre como a poboación xestiona a información coa que é bombardeada a diario. Esta creación da compañía danzaUSCompostela está enmarcada no proxecto Asaltos da danza, integrado no programa InterDID 2013, da Rede de Traballadores da Danza Danza-T, que combina a danza e as artes plásticas en diferentes centros de arte contemporánea.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2013.