Ir o contido principal

A Universidade de Santiago súmase á homenaxe do Goberno cubano a Neira Vilas

A Universidade de Santiago súmase á homenaxe do Goberno cubano a Neira Vilas
A Universidade de Santiago súmase á homenaxe do Goberno cubano a Neira Vilas
A Cátedra de Cultura Cubana da USC colaborou na entrega da medalla Alejo Carpentier ao escritor galego

O Consello de Estado da República de Cuba entregoulle este xoves ao escritor galego Xosé Neira Vilas a medalla Alejo Carpentier nun emotivo acto que presidiu o reitor Juan Casares no Paraninfo da Universidade e no que a directora da Cátedra de cultura cubana Alejo Carpentier da USC, Ana Chouciño, fixo una semblanza biográfica e académica do homenaxeado. A Universidade de Santiago súmase así ao recoñecemento a unha das plumas máis sobranceiras da literatura galega que pasou boa parte da súa vida na emigración, primeiro en Arxentina e logo en Cuba ata o seu regreso a Galicia en 1992, como lembrou o reitor. Casares subliñou ademais os nexos do escritor galego coa USC, comezando pola creación en 1994 da cátedra que leva o nome do que fora un dos máis sobresalientes escritores hispanoamericanos do século XX e autor da novela El camino de Santiago que Neira Vilas traduciu ao galego. Ademais do propio homenaxeado interveu na cerimonia o cónsul de Cuba en Santiago de Compostela, Alejandro Fuentes, quen lle entregou a medalla. O escritor cruceño estivo acompañado no acto por numerosos amigos e amigas así como decanos e directores de centros e docentes da USC. Cátedra Alejo Carpentier A Cátedra de cultura cubana Alejo Carpentier da USC creouse en 1994 sendo reitor Ramón Villares en virtude dun acordo bilateral coa Universidade da Habana (Cuba) e a súa Facultade de Artes e Letras. Financiada polo Grupo Santander, o seu cometido principal é a promoción e a difusión da cultura cubana a través de diversas actividades realizadas no ámbito universitario, aínda que destinadas ao público en xeral, e de maneira destacada a publicación da Biblioteca de la Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier que publicará o seu décimo volume. Antes de Ana Chouciño dirixiron esta institución Margarita Ledo Andión, Benito Varela Jácome e Yolanda Novo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.06.2011.