Ir o contido principal

A Universidade de Santiago e Vicepresidencia da Xunta de Galicia colaborarán na posta en marcha do Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da USC

O reitor Juan Casares e o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, asinarán o luns 21 un convenio marco polo que o departamento autonómico colaborará nas actividades do futuro Centro Intregral de Análise e Resolución de Conflitos da USC (CIARCUS). A sinatura protocolaria celebrarase nun acto ás 11.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. O CIARCUS dedicará a súa actividade ao coñecemento e investigación dos conflitos para a súa resolución tanto polas vías tradicionais como polas alternativas, prestando especial atención aos que presenta a institución universitaria, en canto ás súas particularidades propias cunha conflitividade específica e distinta á doutros sistemas e organización humanas. Non obstante, este Centro tamén estará aberto aos conflitos que presenten as persoas ou institucións alleas á propia USC. O Convenio marco suporá a colaboración en programas de formación e no desenvolvemento de xornadas, congresos científicos ou de difusión ao redor da resolución de conflitos nos ámbitos do Dereito e a Psicoloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2013.