A Universidade Sumatra Oeste busca sinerxías co Campus Terra da USC para impulsar a industria agroalimentaria local
Unha delegación indonesia, integrada por empresarios locais, representantes da administración local e responsables académicos da Universidade Sumatra Oeste, visitaron este mércores o Campus Terra da USC, onde logo de coñecer diversos centros e laboratorios de investigación, tamén mantiveron un encontro cos vicerreitores de Coordinación e Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Javier Bueno e Andrés Barreiro, respectivamente.
O cometido da presenza desta delegación indonesia na sede universitaria luguesa non é outro que de buscar liñas de colaboración con diversos grupos e centros de investigación do Campus Terra da USC en aras a avanzar no desenvolvemento da industria agroalimentaria local, segundo explicaron representantes das empresas Indogal e Enantis, que, entre outras actividades, canalizan desde Galicia a exportación de carne de vacún de raza rubia galega cara a Indonesia.
Logo de coñecer as instalacións e as actividades de I+D+i desenvolvidas no Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da Facultade de Veterinaria da USC, e tras visitar tamén o hospital veterinario Rof Codina, os integrantes da delegación indonesia chegados da rexión de Sumatra Occidental, aproveitaron o encontro cos vicerreitores do campus de Lugo para trasladarlles as carencias en formación, asesoramento e tecnoloxía que dificultan o desenvolvemento da industria agroalimentaria no seu país.