A Universidade Veracruzana inviste doutor honoris causa o profesor Pablo Meira Cartea

A Universidade Veracruzana (México) inviste este mércores 28 doutor honoris causa o profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC Pablo Ángel Meira Cartea en recoñecemento do seu traballo, desde a década dos anos 90, na análise da dimensión social da crise ambiental. A cerimonia ten lugar ás 12.00 horas mexicana (20.00 horas en Galicia)
Aduce a Academia desa Universidade que Pablo Meira “comprendeu, desde o primeiro momento, a magnitude e complexidade do problema que se avecinaba e desenvolveu a capacidade de explicar pedagoxicamente o fenómeno climático, construíndo estratexias apropiadas a diversas audiencias”.
Para a Universidade Veracruzana, as súas investigacións destacan “de maneira sobresaínte” o tratamento pedagóxico, “plasmado na creación e difusión de instrumentos educativos de libre acceso para as persoas educadoras cun enfoque crítico, promovendo unha visión comprensiva da crise ecolóxica actual e a súa vinculación con outros problemas sociais como a emigración por motivos climáticos, o Norte-Sur global, o desenvolvemento humano sustentable ou a xustiza climática”.
Valora ademais o ditame as súas propostas “comprometidas, críticas, que van máis aló da alfabetización científica ou a mera transmisión de contidos ecolóxicos”, de xeito que conclúe que “a súa obra contribuíu a evidenciar que non é o ambiente o que ten problemas, senón que somos os seres humanos os que os xeramos e que ignoramos a nosa ecodependencia e a nosa interdependencia para garantir a vida”.
Pablo Ángel Meira Cartea
Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola USC, foi Premio Extraordinario de Doutoramento na Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación e Premio María Barbeito á Investigación Pedagóxica (2009) pola investigación Proxecto Fénix. Proceso de diagnóstico e actualización da Estrategia Galega de Educación Ambiental.
A súa actividade investigadora enmárcase no grupo Grupo SEPA (GI-1447), clasificado de Excelencia Investigadora en Ciencias Sociais, liderando diferentes proxectos de I+D+i e participando en programas e experiencias de innovación educativa dentro e fóra do ámbito universitario.