Ir o contido principal

A Universidade de Verán asesorará aos usuarios sobre boas prácticas en informática e Internet con ferramentas Floss

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2011

Ao longo de tres xornadas, os días 23 e 30 de xullo e 6 de agosto, expertos informáticos analizarán exemplos de ‘Boas prácticas na informática e na Internet con ferramentas Floss’, título dun dos cursos programados en Compostela dentro da oferta de cursos de verán da USC 2011. Os estándares e a súa importancia será o tema que marque a axenda da primeira sesión na que se dará conta de como compartir e usar información, os formatos e protocolos, a importancia das licencias, a seguridade e a utilización de datos. A análise destas cuestións corresponderalle ao economista e fundador da asociación de Software Libre Agnix, Roberto Brenlla. Na segunda sesión, trataranse as boas prácticas na ofimática con recomendación sobre os formatos nos que se debe comprimir e gardar documentos, como realizar un documento de texto ou unha presentación así sobre que ferramentas de utilidade en ofimática poden usar os usuarios. O enxeñeiro e coordinador da Oficina de Software Libre da USC, Enrique Estévez, encargarase de desenvolver este tema. Para pechar o programa, o curso abordará a comunicación na rede, con especial atención á mensaxería instantánea, o correo electrónico, as redes sociais, calendario e axendas e outros recursos dispoñibles. O presidente da Asociación Grupo de Usuarios de Linux de Galicia (GLUG), Denís Fernández, coordinará a xornada.

Este curso conta coa consideración como formación permanente do profesorado non universitario pola Consellaría de Educación. Para acadar máis información sobre o programa e o procedemento de matrícula, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do curso http://www.usc.es/cultura/uveran10_11.htm.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2011.